O BNG pide que a Xunta adopte medidas excepcionais nos centros educativos de Arteixo
Logo de que onte o Presidente da Xunta adoptara medidas case de confinamento, pedindo ademais o autoconfinamento, o BNG de Arteixo amosa a súa preocupación polos centros de ensino de Arteixo, un dos municipios máis afectados nesta terceira vaga de contaxios. Tendo en conta o alarmante número de casos, o BNG pide que a Xunta adopte medidas excepcionais nos centros educativos da localidade. “No Concello de Arteixo o número de contaxios supera hoxe a cifra de 585 persoas contaxiadas, o que é unha incidencia acumulada de 1.786 por 100.000 habitantes, e non parece lóxico que non se adopte ningunha medida excepcional nunha das comunidades educativas máis numerosas de todo Galiza”, indica o portavoz do BNG en Arteixo Xurxo Couto.
As cifras tan elevadas de contaxios no Concello de Arteixo fixeron que se estea realizando un cribado a máis de 14.000 persoas de entre 15 e 50 anos para tratar de saber o número de persoas asintomáticas. As persoas menores de 20 anos en Arteixo que están en escolas infantís, centros de primaria, de secundaria, bacharelato, FP e univesitarias achégase aos 6.500, polo que o BNG considera que é preciso adoptar de xeito urxente medidas que garantan a saúde e supoñan un freo á propagación da pandemia, permitindo o ensino telemático. É unha demanda de moitos pais e nais así como profesorado. Por iso, o BNG dirixiu un escrito á Consellaría de Educación coa petición.
Desde o BNG chamamos tamén a que Xunta e Concello garantan programas de conciliación para as fillas e fillos de persoal esencial que nas novas medidas teña que acudir ao seu posto de traballo.