O BNG pide que se prohiba aparcar preto das vivendas do Rañal
O pasado domingo, 25 de abril de 2021, un camión impactou contra unha casa no Rañal, provocando danos perfectamente visíbeis. Isto só é un problema máis dos que veñen denunciando as veciñas e veciños deste núcleo desde hai xa varios anos. Coa construción de beirarrúas e aparcamento, moitos camións que veñen traballar ao polígono de Sabón utilizan eses espazos que están a carón das casas, debido á falta de aparcamentos adaptados para eles no interior do Polígono, algo que está ocasionando problemas importantes xa que eses espazos non están habilitados para eles.
As veciñas e veciños levan tempo denunciando esta situación que ocasiona ruídos nocturnos, problemas de visibilidade, lixo, xiros en espazos moi reducidos, etc. No ano 2019 o Concello comprometeuse a tomar medidas pero a día de hoxe o problema, lonxe de solucionarse, é cada día peor. E non pasa só por sancionar senón tamén por habilitar espazos onde estes camións poidan estacionar dentro dos límites do Polígono de Sabón
Ante esta situación, o BNG de Arteixo, solicita:
- Que de xeito inmediato se prohiba expresamente e con sinalización aparcar nesas zonas próximas as vivendas deses núcleos de poboación.
- Que de xeito urxente, o Concello convoque ás persoas representantes do empresariado do Polígono de Sabón para tratar de buscar solucións a este problema, tratando de habilitar espazos que permitan que o transporte poida estacionar sen ocasionar problemas de seguridade e convivencia.
- Que desde a área de Seguridade do Concello se adopten as medidas oportunas para atender convenientemente as demandas dos veciños e veciñas cando chaman para trasladar os problemas que ocasionan estes estacionamentos.