O BNG pide control sobre as obras abandonadas de Meicende
O Concello de Arteixo non toma medidas ante a situación de insalubridade que provoca o abandono.
O BNG de Arteixo pídelle ao Concello de Arteixo que controle as obras abandonadas en Meicende. Estas obras implican unha situación de insalubridade nestes edificios e na contorna e o Concello non tomou ningunha medida nestes anos. Exemplos disto son a obra situada enfronte ao consultorio de Meicende ou a UA-33, no interior do núcleo urbano, que leva tamén anos sen limpar e localízase ao carón de edificios habitados.
Son moitas as protestas polo estado de inseguridade e falta de hixiene que producen na veciñanza estes edificios sen rematar. En cambio, o Concello segue sen tomar medidas. “En Meicende existen varias obras abandonadas desde hai anos sen que o Concello faga absolutamente nada e cada día están nun estado máis lamentable”, afirma o concelleiro Xurxo Couto. “É máis, houbo varios escritos e xuntanzas con veciños sen que, a día de hoxe, se lles dera algunha resposta”, engade Couto.
O BNG de Arteixo reclama de novo que se adopten medidas urxentes nas obra da rúa León (xa pedira en sesión plenaria que se actuase nestas construcións en 2018). Tamén pide solución ao estado de abandono absoluto nos terreos da UA-33. O seu estado é absolutamente deplorable e perigoso para a seguridade das veciñas e veciños.
Outra situación que cómpre resolver de xeito urxente é a parcela situada no paseo do encoro de Meicende. Esta leva anos sen limpar e cun valado metálico na estrada xeral do que veciñas e veciños levan anos queixándose polo perigo que supón o seu estado.