O BNG pedirá transparencia ao Concello sobre as liñas de alta tensión de Sol y Mar
Os nacionalistas preguntaremos ao goberno do PP no pleno do martes 9 de abril de 2019 sobre o estado das liñas de alta tensión na urbanización Sol y Mar de Oseiro.
Sol y Mar: Máis de 20 anos sen solución ás liñas de alta tensión
Na urbanización Sol y Mar de Oseiro os veciños e veciñas conviven desde máis de 20 anos con torretas de alta tensión a menos de 10 metros, co conseguinte perigo para a saúde. A situación non parece preocuparlle ao goberno do PP de Arteixo, quen non solucionou aínda o problema e, ademais, mostra unha falta de transparencia con respecto ao tema.
Breve cronoloxía
Entre 1980 e 1995 constrúense 492 viviendas, moitas destas vivendas de promoción pública, un polideportivo e un colexio infantil pegado ao tendido eléctrico que parte da central de Sabón.
O 7 de decembro de 1997, o BNG de Arteixo presenta unha moción para o seu debate no pleno, solicitando que o Concello esixira á Xunta de Galicia e a Unión Fenosa unha solución ás liñas de alta tensión que atravesan a urbanización Sol e Mar de Oseiro.
En 1999 créase a Plataforma pola Eliminación das Liñas de Alta Tensión de Oseiro, aínda que con anterioridade xa houbera diversas reunión cos gobernos locais para tratar este problema.
En 2000 apróbase nun pleno e por unanimidade a retirada das liñas de alta tensión.
En 2002 asínase un convenio entre o Concello, Industria e Fenosa. O Concello encargaríase de obter os terreos e recalificalos, Industria financiaría a obra e Fenosa encargaríase da obra civil. O convenio tería unha duración de dous anos e prórroga. Se non fose posible, o goberno local do PP tería que solicitar a renovación do convenio, algo que nunca fixo.
No ano 2006 o alcalde do PP di que o Concello non pode facer as expropiacións. A Consellaría de Industria si que mantivo nese momento o compromiso económico nos seus orzamentos.
En marzo de 2007, nun salón de plenos cheo de veciñas e veciños de Arteixo, apróbase unha moción na que se solicita a retirada das liñas, despois de coñecer que non se renovara o convenio polo "pasotismo" do goberno do PP.
En 2008 a Consellaría, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, asina un convenio con Redesa e Fenosa para o traslado e reserva unha partida de case 5 millóns de euros. Pedíanlle ao Concello que puxese a disposición os terreos.
En 2008 o goberno central aprobou unha repotenciación da liña de 220 KV e a creación de dúas de 400 KV.
Durante o mandato do PSOE no goberno local tampouco se levou a cabo o tan demandando traslado. Aínda que se iniciou un cambio urbanístico, non se fixo nada e a Xunta de Galiza de Feijóo só poñía atrancos.
En 2010 o BNG presenta no Parlamento galego unha proposión non de lei solicitando de novo a retirada deste tendido eléctrico. Apróbase.
En 2011 o BNG volve reclamar no Parlamento galego que se desvíen as liñas de alta tensión.
Nese mesmo ano 2011, Carlos Calvelo, actual alcalde do PP de Arteixo, promete facer "unha proposta real e crible". En 2015, antes de rematar o seu anterior mandato volve prometer que comeza o traslado. Nunca comezou.
En 2018 a plataforma de afectados pide ao goberno local que explique a fase na que se atopa o traslado das liñas eléctricas. En cambio, o PP nin sequera fixo mención ao asunto no pleno. Aínda que despois asegura que o trámite urbanístico para mover as torres está finalizado.
Iso era marzo de 2018.
En 2019, Sol y Mar segue convivindo coa alta tensión. Ata cando?
As liñas de alta tensión, a pleno
Precisamos un goberno comprometido coa veciñanza de Arteixo, coas súas problemáticas e, por riba de todo, transparente.
Desde a oposición, o grupo municipal do BNG preguntará no pleno previsto para oo vindeiro martes 9 de abril sobre o estado desta cuestión, pois as persoas afectadas en Sol y Mar precisan coñecer a fase na que se atopa o proceso e cando terán a solución. Unha solución que o PP prometeu pero xa gobernaron dúas lexislaturas sen ofrecela.