O BNG levará a pleno a promoción do uso do galego e a ciberseguridade en Arteixo
O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra este xoves 30 de xuño, unha moción relativa á promoción e dinamización do uso do galego, propoñendo a integración do Concello á asociación Alingua. Entre os proxectos actuais que a entidade leva a cabo son Apego, Club de Debate, Youtubeiros ou Enreguéifate.
Ademais, o BNG solicita que o Concello de Arteixo cree de forma urxente un servizo de normalización lingüística co nomeamento do/da seu/súa titular tal e como se aprobou na Relación de Postos de Traballo.
A outra moción que o BNG leva a pleno atende ao reto que constitúe para as entidades locais a xestión axeitada da ciberseguridade. Os nacionalistas solicitarán do pleno que o c Concello de Arteixo estableza as bases para o cumprimento do Esquema Nacional de Seguridade e acade a certificación oficial, que coordine as súas actuacións en materia de ciberseguridade coa Deputación da Coruña e a Amtega e a creación dun Departamento de Ciberseguridade.
Rogos e preguntas
Ante as obras de recheo da praia do Reiro, o BNG preguntará se hai permiso para realizar a actuación xa que se atopa próximo un xacemento catalogado por Patrimonio.
Os nacionalistas rogarán información sobre o proxecto e os residuos acumulados na canteira de Barrañán e o aumento de medios para a limpeza viaria do rural.
Finalmente, e en relación co coidado do medio ambiente. O BNG preguntará polo estado de implementación do Plan de Autocosumo Fotovoltaico, proposta do BNG aprobada hai un ano. Tamén o estado de instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos. Neste sentido, o BNG tamén demandará información sobre a porcentaxe de vehículos municipais que usan tecnoloxías menos contaminantes e se hai previsión de adquisición de vehículos máis respectuosos.