O BNG levará a pleno mocións sobre a sanidade e a educación en Arteixo
O BNG de Arteixo levará ao pleno ordinario de setembro dúas mocións, unha sobre a sanidade, xa levada ao Parlamento galego polo BNG, e outra sobre o protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21.
A atención primaria é un eixo fundamental do sistema público e saúde e, en cambio, leva anos sufrindo recortes, como toda a sanidade en xeral. O BNG xa rexistrou iniciativas parlamentarias para mellorar os centros de saúde en Arteixo. Agora leva a pleno unha moción para que a corporación vote un acordo para solicitar á Xunta de Galicia os seguintes puntos:
1. Cubrir baixas e ausencias en medicina xeral e enfermería en épocas de vacacións ou baixas por enfermidades.
2. Incorporación de persoal sanitario ao servizo de urxencias do PAC de Arteixo.
3. Axilizar as citas por todas as vías posibles, incluída por internet, hoxe desactivada.
4. Atención presencial con todas as medidas de seguridade pertinentes por mor da covid-19.
5. Ampliación da xornada coa incorporación da quenda de tarde nos centros de Meicende e Vilarrodís.
6. Incorporación dun pediatra por centro.
7. Incorporación dun fisioterapeuta para Meicende e outro para Arteixo centro.
8. Incorporación dunha matrona para o centro de Vilarrodís.
9. Incorporación dunha consulta de odontoloxía para Vilarrodís.
10. Incorporación dunha consulta de radioloxía para o centro de saúde de Arteixo con médico radiólogo e o servizo de enfermaría correspondente.
11. Reforzo de xeito urxente da atención primaria cun plan de 200 millóns de €.
12. Convocatoria de procesos selectivos que rematen coa precariedade laboral.
A Consellaría de Educación elaborou unilateralmente o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21. Este foi rexeitado de maneira clara e unánime polas ANPAs e organizacións sindicais do ensino. O BNG proporá o pleno da corporación municipal amosar o rexeitamento ao protocolo e apoiar as demandas da comunidade educativa. Ademais, esixir á Xunta a elaboración e financiamento do plan extraordinario de limpeza dos colexios de Arteixo, asumindo a totalidade do sobrecusto.
Por outra parte, apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado, abrindo con urxencia por parte da Xunta un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021. Finalmente, emprazar á Xunta a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP, co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.