O BNG levará a pleno a mellora das condicións das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Arteixo
O BNG leva dous rogos sobre a limpeza no rural e o arranxo dun muro en Sol y Mar.
O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra este xoves 28 de xullo, unha moción relativa á mellor das condicións das traballadoras no Servizo de Axuda no Fogar de Arteixo.
As profesionais do SAF levan denunciando desde hai tempo abusos das empresas concesionarias e é obriga da propia Administración esixirlles que cumpran cos dereitos das traballadoras. Denuncian falta de pagos nas nóminas, dereitos non recoñecidos, distintos pagos cos mesos traballos, falta de equiparación en canto ao transporte, etc. As empresas, que levan apenas 6 meses en Arteixo, non só incumpren o convenio colectivo de ámbito galego, senón tamén os pregos de condicións, onde se explícita a obriga das empresas de cumprir en materia laboral. Neste sentido, é imprescindíbel que o Goberno Local investigue ás empresas concesionarias dos SAF.
O BNG proporá ao pleno instar á Xunta de Galicia a mellorar as condicións dos contratos do SAF incrementando o prezo do servizo (non incrementar as horas senón o prezo por cada hora) así como traballar, xunto coas empresas concesionarias e as organizacións sindicais, para que se garanta o cumprimento do Convenio Colectivo de Atención a Domicilio de Galicia, aboando o 6,5% pactado no mesmo e mellorar substancialmente as condicións laborais das traballadoras.
Ademais, solicita que o Goberno Local esixa ás empresas concesionarias do Servizo de Atención a Domicilio que cumpran coas traballadoras do SAF en materia de pagos e dereitos laborais.
Rogos e preguntas
A semana pasada sóubose que 146 nenos e nenas quedaron fora en listaxe de agarda do comedor do colexio Ponte dos Brozos. Desde o BNG solicítase que o Concello faga un esforzo e poida incrementar as subvencións ou crear bolsas para cubrir a totalidade do servizo para unha plena conciliación. O BNG preguntará en pleno como foi a reunión cos axentes do colexio Ponte dos Brozos e se hai este problema noutros centros.
Na estrada que une Rañobre e Suevos quedaron zonas de rodadura moi elevadas sobre a rasante da estrada. Son zonas perigosas que coinciden coas saídas á superficie das arquetas e que poderían danar os coches da veciñanza. Así, o BNG preguntará cando teñen previsto asfaltar a dita estrada.
Os nacionalistas levan un rogo sobre a limpeza viaria no rural de Arteixo no que solicitan máis medios para unha limpeza en condicións e se recollan os vertedeiros incontrolados.
Finalmente, o BNG ten coñecemento que no lugar de Sol e Mar, á altura da rúa Calderón de la Barca número 8, se veñen producindo unhas inundacións debido ao deterioro dun muro que suxeita un xardín público. Así, leva un rogo ao pleno para que se arranxen estas deficiencias estruturais.