O BNG leva ao Parlamento galego o tendido de alta tensión en Arteixo
Os nacionalistas instan á Xunta de Galiza a rexeitar o proxecto polo seu impacto ambiental.
O BNG rexistrou un total de 6 iniciativas sobre o proxecto de alta tensión que afecta ás parroquias de Monteagudo, Chamín, Armentón, Lañas, Larín, Loureda e Morás en Arteixo.
Desde xeito, o BNG presentou unha proposición non de lei para o seu debate en pleno, en demanda da paralización do proxecto de nova construción do tendido eléctrico que atravesa a zona sur do concello de Arteixo. Na proposición ínstase á Xunta de Galiza a rexeitar o proxecto para evitar a importante afectación negativa sobre unha parte importante do municipio de Arteixo, que aínda conserva unha boa calidade de vida e coidado ambiental.
O BNG tamén pedirá responder no pleno se o goberno da Xunta está disposta a atender as alegacións da veciñanza de Arteixo afectada pola instalación do tendido eléctrico e paralizar, deste xeito, a continuidade do proxecto.
A preocupación da veciñanza é máxima e xustificada, xa que a liña de alta tensión programada é moi invasiva en multitude de propiedades, discorrendo en moitas zonas moi preto das casas e núcleos de poboación. A liña atravesa 13.600 metros en tendido aéreo, con 47 torretas de alta tensión de até 42 metros de altura, afectando a unha zona de reserva da biosfera, zonas afectadas polo POL, zonas de humedais como Sisalde ou Barrañán, e o Val de Loureda, que sufriría un gran impacto ao ser atravesado pola metade.
O BNG considera esta afectación evitábel, pois a aludida necesidade de transportar electricidade ao polígono industrial de Morás non parece xustificada á vista de que xa se está construíndo unha subestación nestes momentos. En todo caso, de ser necesario, sempre se podería aproveitar a rede de tendido eléctrico xa existente, sen duplicar e sen intervir de xeito tan lesivo no medio natural.
Ademais, o BNG presenta diversas preguntas para ser respondidas de xeito escrito. Así, os nacionalistas queren coñecer as razóns polas que non está accesíbel o proxecto do tendido eléctrico e por que se está creando tanta confusión entre a veciñanza coa publicación das alegacións ao proxecto. Así mesmo, pretende saber as razóns que xustifican que se teña que construír un novo trazado de alta tensión para transportar electricidade ao polígono de Morás.