O BNG lamenta a situación do persoal da piscina de Arteixo
O BNG de Arteixo lamenta profundamente a situación pola que están a pasar as persoas traballadoras da piscina municipal de Arteixo, onde a empresa adxudicataria se acolleu a un ERTE. Non se pode admitir que unha empresa que traballa para o Concello non comunique con antelación que vai realizar un ERTE aos seus traballadores. Agardamos que o Concello de Arteixo non admita máis este tipo de actitudes con outras empresas que dependan de convenios coa administración local.
Medidas para paliar os efectos da crise de coronavirus
Desde o BNG Arteixo proporemos medidas para paliar esta situación e tamén seguiremos traballando para que ninguén quede atrás nesta situación de emerxencia do COVID-19.
Tamén apostamos polas actuacións que desde Arteixo se van poñer en marcha, tales como medidas de emerxencia social ou liñas de axuda para autónomos que traballan no noso concello. Ademais, na próxima reunión do comité de seguimento do COVID-19 levaremos máis medidas como, por exemplo, axudas para os autónomos de Arteixo que traballen fóra do noso municipio.
Finalmente, o BNG denuncia a falta de iniciativas da Xunta de Galiza, sendo a ela a quen lle correpondería poñelas en marcha. Hai moitos concellos que non teñen recursos para tomar este tipo de medidas. Pedímoslle a Feixóo que non se esconda, asuma as súas funcións e tome as rendas desta situación de emerxencia.