O BNG lamenta a falta de respecto nas contestacións ás alegacións sobre a Relación de Postos de Traballo en Arteixo

No pleno de novembro destacamos a falta de respecto ás alegacións presentadas polo BNG ao documento de relación de postos de traballo
No pleno de novembro destacamos a falta de respecto ás alegacións presentadas polo BNG ao documento de relación de postos de traballo
Dun total de 22 alegacións expostas polo BNG, non se contestou a ningunha
O BNG lamenta a falta de respecto nas contestacións ás alegacións sobre a Relación de Postos de Traballo en Arteixo

O BNG de Arteixo interviu no pleno do pasado mes de novembro para mostrar a súa indignación ante as respostas dadas ás alegacións presentadas á Relación de Postos de Traballo.

O BNG xa destacou no seu momento as indeterminacións e desequilibrios do documento, algo que confirma agora baseándose nos argumentos contestados pola empresa que elaborou a dita relación de postos. Dun total de 22 alegacións expostas polo BNG, non se contestou a ningunha e o único argumento é que o documento é obxectivo, unha característica da que carece. “Xa é significativo que se contesten todas as alegacións xuntas, pois as 22 teñen particularidades diferentes, pero xa é o colmo da subxectividade e unha falta de respecto que argumenten para desbotar as nosas alegacións que pode ser que non sexan do noso gusto”, comenta Xurxo Couto.

O pleno da corporación aprobou en xullo a relación de postos de traballo, sen o voto a favor do BNG, pois no mesmo pleno os nacionalistas advertiron dos moitos desequilibrios do documento. Unha vez publicado este no BOP do 10 de agosto, comezou o período de alegacións e o BNG presentou en prazo un total de 22 alegacións ao catálogo de postos e da valoración de postos de traballo do Concello de Arteixo.

O BNG considera que hai moita indeterminación á hora de valorar os postos de traballo no Concello e, por tanto, a subxectividade supera á obxectividade pretendida. A Relación de Postos de Traballo debería valorar obxectivamente os postos de traballo de cada unha das persoas traballadoras dependendo das súas funcións. En cambio, no documento presentado polo goberno do PP, evidéncianse desequilibrios en postos similares, indeterminación e ambigüidades así como casos onde a ponderación prima a uns traballadores sobre outros.

O BNG lamenta a falta de respecto nas contestacións ás alegacións sobre a Relación de Postos de Traballo en Arteixo