O BNG lamenta os continuos retrasos das beirarrúas da Avenida Arsenio Iglesias no Rañal
A senda peonil da Avenida Arsenio Iglesias na intersección co Rañal en Arteixo é unha obra demandada en 2017 polo BNG de Arteixo. Esta conta con financiamento da Deputación da Coruña e leva aprobada polo ente provincial desde setembro de 2018.
En cambio, as tan desexadas beirarrúas da Avenida Arsenio Iglesias tardarán meses en estar construídas por mor dos constantes retrasos na adxudicación da obra por parte do Concello de Arteixo.
A licitación leva parada desde o mes de maio de 2019 sen que o BNG teña constancia de ningún motivo que xustifique esta parálise. O 7 de maio de 2019 abriuse o sobre B e desde ese momento até o 30 de decembro de 2020 non se produciu ningún movemento ao respecto desta obra. Chama a atención que na solicitude de prórroga que o Concello envía a Deputación se faga mención á pandemia e ao grande número de ofertas presentadas. Non obstante, a pandemia comezou no mes de marzo de 2020, un ano despois de que se comezara toda a tramitación.
O BNG critica que haxa unha total paralización do goberno local en obras que teñen financiamento e pregos xa feitos e que non se pode xustificar pola chegada dunha pandemia. Van cumprirse dous anos desde que se iniciou a tramitación para a construción desta tan solicitada obra de seguridade viaria en Arteixo. Desde o BNG agardan que antes da chegada do verán todas e todos poidamos facer uso dunha obra tan necesaria e demandada.