O BNG insiste na necesidade de explicar o uso das mascarillas que se repartirán en Arteixo
Arteixo repartirá 52.000 mascarillas cirúrxicas (dun só uso) a 12.830 domicilios.
14 abr. 2020 - 11:28
O BNG participou onte luns 13 de abril nunha nova reunión do Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo. Na xuntanza tratáronse os seguintes temas:
- O Concello repartirá 52.000 mascarillas cirúrxicas (dun só uso) a 12.830 domicilios en paquetes de 4 (como solución provisional). Calcúlase que o xoves xa estea o reparto feito por Corrreos e que para ese día tamén haxa existencias no mercado. Desde o BNG insistimos en que se explique de todos os xeitos posibles como se deben usar as mascarillas. Unha forma é facer guías divulgativas ou publicar as oficiais xa existentes.
- Estanse redactando as bases para acceder de forma directa ás bolsas do comedor escolar. Desde o BNG insistiuse en que fose un procedemento sinxelo e se avisara ás persoas beneficiarias e desde o goberno local aseguraron telos localizados.
- O goberno afirmou que non é coñecedor de ningún ERTE que afecte a empresas adxudicatarias, agás o feito pola empresa da piscina.
- Retomarase o servizo completo do Servizo de Axuda no Fogar ao disponer xa de EPIs, que fora suspendido en casos non esenciais. No referente ás axudas concedidas pola Xunta de Galicia en horas (SAF), comentan desde o Concello que non hai limitación de uso e que se estaban facendo horas extraordinarias cos usuarios do Centro de Día.
- Desde o BNG falamos da posibilidade de entregar tarxetas de prepago para poder repartilas en forma de axuda ás familias máis necesitadas. Existen este tipo de tarxetas en empresas de distribución alimentaria pero non consideramos axeitado o seu uso polo que estudaremos a forma de facelo.
O Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo volverá a reunirse mañá mércores 15 de abril.