O BNG esixe prazos para a construción do Centro de Interpretación do Castro Cociñadoiro en Arteixo

O Castro Cociñadoiro atópase destruído debido ás obras de Punta Langosteira.
O Castro Cociñadoiro atópase destruído debido ás obras de Punta Langosteira.

A única resposta do Estado é “que están analizando a situación”, cando o centro debera estar construído en 2012.

O BNG esixe prazos para a construción do Centro de Interpretación do Castro Cociñadoiro en Arteixo

O BNG de Arteixo preguntou o pasado mes de xuño no Congreso, a través do deputado nacionalista Néstor Rego, pola construción do Centro de Interpretación (Arteixo-A Coruña) así como sobre o estado dos achados feitos no castro de Punta de Muros ou Castro Cociñadoiro, xacemento que se atopa destruído como consecuencia da construción do complexo portuario de Punta Langosteira.

Mentres que o dito centro de interpretación xa debera estar construído en 2012, en pleno 2021 a resposta do Estado é que "están analizando a situación para a súa posta en marcha". Por outra parte, aseguran que os achados atopados non foron destruídos. De feito, se así o fixesen estarían cometendo un delito. O BNG entende esta situación como unha falta de respecto para a sociedade arteixá e galega. As ambigüidades e a falta de resposta obtida non son propias dunha administración como o Estado e a Autoridade Portuaria.

O BNG de Arteixo esixe de novo que os restos atopados pasen ser propiedade e custodia da Xunta de Galiza e solicita prazos específicos para rematar coa débeda histórica coa veciñanza de Rañobre, Suevos e Arteixo en xeral, cumprindo coa construción do centro de interpretación.

En relación co traspaso da propiedade, o BNG tamén levou ao Parlamento a situación para preguntar ao goberno galego se ten pensado solicitar o traspaso de materiais e achados, tanto do Castro Cociñadoiro como das tumbas tardorromanas de Rañobre nos terreos do Porto Exterior, atendendo ao articulado da nosa lexislación sobre patrimonio.

O BNG de Arteixo seguirá na procura de compromisos firmes para saldar estas débedas que desde 2012 teñen as administracións con Arteixo. Os nacionalistas seguirán reivindicando a protección dun patrimonio que, ademais, é potencial xerador de riqueza no territorio.

 

 

 

O BNG esixe prazos para a construción do Centro de Interpretación do Castro Cociñadoiro en Arteixo