O BNG esixe ao goberno do PP de Arteixo que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar cobren os seus salarios

A empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar solicitou un ERTE
A empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar solicitou un ERTE

Máis do 50% do persoal do SAF non cobra os salarios desde hai dous meses.

O BNG esixe ao goberno do PP de Arteixo que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar cobren os seus salarios

O BNG de Arteixo manifestou durante a xestión da crise da COVID-19 moitas dúbidas sobre a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, mais o goberno do PP de Arteixo argumentaba que este servizo social estaba funcionando correctamente.

Porén, o BNG tivo coñecemento de que máis do 50% do persoal non cobra os seus salarios desde hai, polo menos, dous meses, a pesar de que completaron o 100% do traballo encomendado. A día de hoxe, hai traballadoras que, ao non cobrar as súas nóminas, teñen que acudir aos Servizos Sociais do Concello para pedir axuda alimentaria, circunstancia da que ten constancia o goberno do PP, que chega incluso a demandarlles un esforzo ás traballadoras do SAF. Un esforzo que eles non teñen que asumir pois, que saibamos, si cobran o seu salario.

Ademais, ao comezo da pandemia, a empresa chamou a usuarios do servizo para indicarlles que non se lles ía prestar atención pois carecían de Equipos de Protección Individual e que o Concello era coñecedor desta circunstancia. Finalmente, a comezos de maio, a empresa adxudicataria solicitou un ERTE con carácter retroactivo. Desde o BNG xa demandamos nese momento que se comprobase a legalidade deste ERTE, pois presenta síntomas de ser fraudulento, como situación de ERTE para traballadoras que estiveron traballando a plena ocupación ou avisos de palabra por parte da empresa dicindo que se levantaba o ERTE, obrigándolles a incorporarse ao día seguinte sen documentación xustificativa.

A situación do SAF, ademais de repercutir directamente no emprego das traballadoras, inflúe na calidade do servizo dos 260 usuarios, veciños e veciñas de Arteixo, que non se lles da o que precisan e necesitan. As traballadoras expresaron en varias ocasións a necesidade de incorporar as horas extra (1.500 horas) que ofrecía a Xunta de Galicia porque eran moi necesarias a pesar dos servizos mínimos que decretou a empresa. O Concello de Arteixo tamén dicía que non facían falta esas horas. En cambio, agora o persoal ten que recuperar as horas que non se fixeron.

O BNG de Arteixo esixe unha vez máis ao Concello que as traballadoras cobren inmediatamente todo o que se lles debe por traballo realizado así como que aclare coa empresa e resto da corporación as posibles ilegalidades do ERTE aplicado.

Calidade do SAF

Hai poucos meses, en pleno, aprobouse unha prórroga da concesión do SAF á empresa concesionaria, aumentándolle o prezo por hora en 3 euros. Desde o BNG cremos que o Concello debería controlar a calidade deste servizo básico e elemental se é que lle importan os veciños e veciñas de Arteixo. O BNG sempre defendeu que ten que ser o propio Concello o que asuma o servizo, xa que unha empresa privada sempre busca o beneficio propio repercutíndose esta circunstancia nun empeoramento da atención a usuarias e usuarios e unhas peores condicións laborais para as traballadoras e traballadores.

 

O BNG esixe ao goberno do PP de Arteixo que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar cobren os seus salarios