O BNG esixe ao Concello que abra de forma urxente o prazo das axudas a entidades culturais
Do contrario, as entidades culturais de Arteixo non recibirán axudas para as actividades realizadas en 2020
O BNG de Arteixo esixe ao Concello de Arteixo que abra de xeito urxente o prazo para que as entidades culturais do municipio soliciten as axudas anuais. Se o Concello non saca as axudas xa, as entidades culturais de Arteixo non recibirán as axudas para a realización de actividades en 2020 polo simple feito de que o goberno do PP decidiu non abrir o prazo para non axudarlles coas actividades que desenvolveron neste ano.
“Ao estar incluídas estas axudas nos orzamentos, as entidades culturais organizan actos e eventos contando con elas. É un engano que agora non se dea inicio ao proceso de solicitudes. Hai entidades que si fixeron actividades nos meses en que se puideron facer. Isto sábeo o goberno que mira para outro lado e nega as axudas ás entidades do noso concello cando estas a precisan”, declara o voceiro do BNG Xurxo Couto.
Neste sentido, o BNG lembra que nos orzamentos do Concello se dispoñía de 31.400 euros para a promoción cultural a entidades a través de programas de libre concorrencia e a entidades. O BNG quere mostrar o seu apoio ás entidades e ás persoas que están detrás delas. Moitas asociacións están endebedadas e son moitas as persoas que traballan de balde e que puxeron cartos dos seus petos para ofrecerlle á veciñanza actividades e isto hai que valoralo. O goberno do PP non pode deixar atrás a este sector tan importante e que tanta ligazón ten co turismo e a hostalería.
“A este goberno éncheselle a boca coas axudas e despois a certos sectores non llelas ofrece. Xa consideramos no seu día que a oferta cultural deste Concello é pobrísima orzamentariamente e só se limita a ofrecer cultura cando a Deputación da Coruña e a Xunta de Galiza organizan distintos programas”, afirma o concelleiro Xurxo Couto.
O BNG de Arteixo preguntará en todos os órganos colexiados por esta situación e esixirá que se proceda, aínda que tarde, a permitir que as entidades culturais soliciten estas axudas. Ademais solicitará por rexistro e preguntará se esta situación tamén se dá noutros departamentos como en Deportes. Ao BNG quédalle claro que este goberno non cumpre con parte da veciñanza o prometido nos orzamentos de 2020. O BNG de Arteixo entende que a cultura é un dereito e unha necesidade, mais se cabe nun ano tan comprometido coma este.