O BNG desenvolverá un plan de mobilidade para Arteixo
O pasado sábado 11 de maio o candidato á alcaldía de Arteixo polo BNG, Xurxo Couto, participou nun encontro de mobilidade xunto co resto de líderes nacionalistas comarcais. "O Concello de Arteixo xunto coa área metropolitana precisa afrontar este reto, planificando unha estratexia común que pense nas persoas e no seu benestar, facendo sostíbel a convivencia entre industria e persoas", comentou Xurxo Couto.
A mobilidade é un problema sen abordar polo actual goberno do PP liderado por Calvelo. O problema existente verase incrementado co desenvolvemento do polígono de Morás, e así foi discutido tamén no primeiro encontro veciñal do BNG no Alto de Arteixo.
O BNG de Arteixo levará a cabo un plan de mobilidade pensado para as persoas xunto cunha rede de transporte interparroquial sostíbel.
Estas son todas as medidas de mobilidade, transformación e modernización do espazo urbano e rural que presentamos no programa:
- Construiremos un Arteixo recoñecido como vila amiga da infancia.
- Crearanse Sendas peonís seguras para escolares.
- Peonalizaranse máis zonas urbanas, garantindo que sexan actuacións 100% accesíbeis a calquera tipo de diversidade.
- Habilitaranse zonas de aparcamento público e gratuíto nas zonas urbanas do Concello.
- Funcionará unha rede de transporte interparroquial con paradas en puntos estratéxicos do Concello de Arteixo e coordinados co trasporte público doutras rutas.
- Planificaranse sendas verdes e fluviais nas parroquias que permitan unha boa comunicación entre os núcleos (recuperación e mantemento de camiños hoxe en estado de abandono que facilitarían a conexión entre os núcleos rurais tanto andando como en bicicleta).
- Chegaremos a acordos para facilitar actuacións conxuntas cos concellos da área metropolitana da Coruña e co arco A Laracha - Carballo para unha planificación do transporte que permitan conectar polígonos industrias, centros educativos e Universidade.
- Faremos unha proposta de planificación e estudo dun metro lixeiro en coordinación co resto de concellos da área urbana.
- Aprobaremos un programa de rexeneración das zonas industriais para unha axeitada convivencia cos núcleos urbanos Plan Convive 2020-2023 (contorna Meicende, Seixedo, Rañal, Rañobre etc).
- Haberá un mantemento, melloras e estudos de novos carrís bici no Concello.
- Redixiremos e aprobaremos un PXOM.
- Construiremos unha área canina con programas de convivencia e actividades.
- Levantaremos un cemiterio municipal que terá xestión pública.
- Crearemos un concello intelixente coa instalación de sensores para as seguintes xestións, entre outras: prazas de aparcamento, transporte público, monitorización do ruído, da auga, dos datos ambientais, praias etc.).
Pódese descargar o programa electoral do BNG de Arteixo para as vindeiras eleccións do 26 de maio nesta ligazón.