O BNG denuncia o gasto de Arteixo polo incumprimento de convenios debido á irresponsabilidade do PP
O Concello de Arteixo volve ser condenado por un incumprimento de convenio, neste caso do paseo fluvial polo que terá que pagar 127.000 euros. O BNG alerta de que xa se levan sucedendo diferentes incumprimentos polo mesmo tema, o que implica un gasto innecesario e un despilfarro de diñeiro público no Concello de Arteixo debido á mala xestión do goberno do PP. De feito, nos orzamentos xa aparecen epígrafes con partidas para pagar sentenzas e patrimoniais contra o Concello. Os nacionalistas lamentan que a veciñanza de Arteixo teña que pagar cos seus impostos os despropósitos do goberno.
Desde o ano 2000, o goberno local asinou multitude de convenios urbanísticos para a obtención de terreos para obras, pero estes estaban vinculados á aprobación do PXOM, algo que aínda non aconteceu, tal e como denunciou en diversas ocasións o BNG.
O BNG de Arteixo está canso de que a falta de actitude do goberno do PP para sacar un plan xeral conduza a pagar centos de miles de euros en indenmizacións debido aos convenios asinados, sen contar, por suposto, o feito de que seguimos sen ter un concello ordenado urbanísticamente. “Queremos que os responsábeis políticos asuman a súa responsabilidade, xa está ben de pagar con cartos públicos as irresponsabilidades dun alcalde”, afirma Xurxo Couto, voceiro do BNG en Arteixo.
O BNG pedirá por escrito unha relación das sentenzas que hai a este respecto e a suma do que se leva pagado así como unha relación de convenios incumpridos e dos informes que se fixeron no seu momento para poder asinarse. Arteixo está pagando as consecuencias dunha política urbanística desastrosa para o concello.