O BNG demanda a execución de obras en Figueiroa
O único investimento do Concello de Arteixo nos últimos 12 anos en Figueiroa foi a adquisición dunha pequena parcela.
29 nov. 2019 - 16:18
O único investimento do Concello de Arteixo nos últimos 12 anos en Figueiroa foi a adquisición dunha pequena parcela. Durante moito tempo estivo con terra e hai uns meses asfaltouse, despois de que o BNG o solicitase en varias ocasións. Na actualidade non ten máis uso que servir de aparcamento.
Desde o BNG levamos pedindo unha serie de melloras neste núcleo de poboación que non foron atendidas polo goberno municipal. No pleno do pasado 28 de novembro, demandamos a execución de distintas obras para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Figueiroa.
Desde o BNG pedimos:
- Que se inicien todos os trámites para a execución do proxecto de construción de beirarrúas en Figueiroa, no tramo que chega ata a circunvalación desde a saída da aldea.
- Que de xeito inmediato se acondicione e se dote de mobiliario a parcela pública propiedade do Concello para que poida ser usada pola veciñanza da aldea.
- Que se acometa o acondicionamento dos viais propiedade do Concello que nestes momentos están nun estado de abandono evidente.
- Que se dote de contedores do lixo o núcleo e que se faga a recollida diaria garantindo un servizo de calidade.
Podes ler os rogos que levamos ao pleno de novembro nesta ligazón.