O BNG demanda que o Concello de Arteixo invista en Oseiro
O BNG solicitará ao Concello de Arteixo que atenda as necesidades de investimento e obras de mantemento na parroquia de Oseiro. Desde hai xa varias semanas representantes da asociación veciñal San Tirso de Oseiro veñen demandando obras de limpeza, de mantemento e de melloras en varios puntos da parroquia. “O BNG está totalmente de acordo co estado de abandono no que se atopan o parque da urbanización e a falta de mantemento do mobiliario urbano”, afirma o concelleiro Xurxo Couto. “Tamén demandamos que se inclúan varias paradas do bus que vai as praias”, engade o portavoz nacionalista en Arteixo.
O BNG demandará tamén no vindeiro pleno ordinario de Arteixo o estado do proxecto de traslado da fonte, unha obra que se leva anos prometendo pero onde non se fai absolutamente nada. “Son as obras que aparecen no orzamento constantemente e que nunca se chegan a facer, eternas promesas incumpridas”, explica Couto.
Abandono de Oseiro e do rural
Representantes da asociación fixeron chegar ao BNG fotos da falta de limpeza de varias das rúas da parroquia, como a rúa da fonte, e tamén do estado en que están varandas de cemento e bancos de pedra totalmente destruídos desde hai meses. “Do mesmo xeito que se limpan os núcleos urbanos, deben atenderse co mesmo interese os ámbitos rurais do Concello. A esta falta de interese en limpeza de zonas como a de Oseiro, tamén hai que sumar a falta de mantemento de parques como o biosaudable da urbanización, que hai meses que está oxidado e que precisa unha obra”, afirma o concelleiro nacionalista.