O BNG critica que o PP non controle a execución das obras da Cachada
O BNG de Arteixo critica a ineptitude do goberno do PP, quen non é capaz de coordinar a execución das diferentes obras no municipio de Arteixo. É o caso concreto das beirarrúas na Cachada, que levan sen concluír desde que foi aprobada no POS da Deputación da Coruña en 2018.
“Este goberno non fai controis de como van as obras no concello. Para o goberno de Calvelo facer unhas beirarrúas é más complexo ca grandes obras de enxeñaría”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo.
A obra das beirarrúas da Cachada forma parte do POS de 2018 e foi adxudicada a Canarga por un importe de 511.300 euros (unha baixa de máis de 110.000 euros). O prazo de execución era de 5 meses, polo que a obra tiña que estar rematada en xuño de 2019. Porén, foi sufrindo varios atrasos e continuas prórrogas, supostamente por mor da empresa subministradora de telefonía.
Agora a Deputación concedeu unha nova prórroga ata xuño de 2021. Segundo consta no informe do arquitecto do Concello de Arteixo para xustificar a prórroga, esta é precisa porque hai obras pendentes. E un dos motivos é por mala execución e outra por desaparición de elementos de radicación.
O BNG estará vixiante para que se executen as obras da Cachada ao remate da prórroga.