O BNG critica a contratación de persoal eventual do goberno de Arteixo

O pleno de maio foi celebrado por videoconferencia
O pleno de maio foi celebrado por videoconferencia
Onte, 28 de maio, tivo lugar o primeiro pleno ordinario en Arteixo tralos plenos extraordinarios celebrados debido á COVID-19.
O BNG critica a contratación de persoal eventual do goberno de Arteixo

Onte, 28 de maio, tivo lugar o primeiro pleno ordinario no Concello de Arteixo tralos plenos extraordinarios e urxentes celebrados nas semanas anteriores a causa da COVID-19.

Un dos puntos tratados foi a modificación puntual da relación de postos de traballo. Por unha parte, estimouse a solicitude da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística que pedía que a praza de Normalización Lingüística que figuraba no orzamento como “a amortizar” se recalificase como A1. Desde o BNG xa pedimos isto nun pleno da corporación e o goberno local comprometérase a modificalo en xaneiro cando debatemos o orzamento. A pesar de estar a favor e alegrarnos deste recoñecemento, votamos en contra da modificación da relación de postos de traballo porque outro apartado desta era a inclusión do novo persoal eventual da corporación municipal. Un persoal que, en cambio, se converte en persoal eventual do goberno do PP. “Non estamos de acordo con que 17 persoas do PP de Arteixo cobren do erario público local. Arteixo é un Concello grande como para ter persoal a disposición para poder traballar ben os temas municipais”, explicou Xurxo Couto.

O BNG votou a favor da mellora da liña de subvención para comedores (moción levada polo PSOE pero xa demandanda polo BNG nas reunións do Comité de Seguimento da COVID-19) pola que as facturas anteriores á propia liña municipal puidesen valer e, así, sufragar gastos ás familias máis necesitadas ou en risco de exclusión, que se beneficiaban dun servizo que a Xunta de Galicia deixou de prestar. Non obstante, non saíu adiante posto que o PP non quixo mellorar a situación porque supostamente as necesidades están cubertas. O concelleiro nacionalista Xurxo Couto manifestoulle á concelleira de Servizos Sociais que “as necesidades non están cuberas se hai familias e veciños que o demandan polo que se debería atender a petición. Querer é poder”.

Finalmente, aprobouse, co voto a favor do BNG, a ampliación de terreos para as obras de ampliación da capacidade da Avenida da Deputación no Polígono de Sabón, o abastecemento e saneamento de varios lugares da parroquia de Larín (Mirón, Chamusqueira, Capela de San Roque, Campo da Pedra e Anide).

 

O BNG critica a contratación de persoal eventual do goberno de Arteixo