O BNG considera que a redución de aulas na EEI de Vilarrodís se debe á falta de conciliación
O PP de Arteixo non quixo ofrecer comedor e madrugadores nesta escola.
O BNG de Arteixo quere mostrar o seu malestar pola redución de aulas na EEI de Vilarrodís. “Non ten sentido nin é lóxico que un dos concellos que máis medra en poboación teña que pechar aulas por non haber alumnado no núcleo urbano”, afirma o concelleiro Xurxo Couto. Nos últimos anos fíxose unha aposta para que as escolas unitarias non pechasen no rural de Arteixo e agora vemos con estupor como se lles bota o candado a unidades en pleno centro urbano.
“Se hai que pechar aulas polo descenso de alumnado na EEI de Vilarrodís é pola falta de conciliación que supón ter aos nenos e nenas neste colexio de Arteixo”, expresa Xurxo Couto. O Concello de Arteixo negouse a dar o servizo de madrugadores e de comedor nesta escola, polo que os pais e nais se viron obrigados a cambiar o colexio polo de Galán, onde si se ofertan estes servizos.
O BNG considera que estas situacións se producen por non dar o mesmo servizo a todos os pais e nais por igual no Concello de Arteixo. “A mala xestión e a falta de proxecto do PP de Arteixo é evidente. Falta de proxecto porque non se dan os servizos a todos os colexios por igual senón a discreción do goberno. Uns teñen servizo e outros non, e de aí que agora se queiran eliminar unidades nas escolas”, asegura Couto.
O BNG de Arteixo vai preguntar por esta situación xerada no ámbito educativo no concello de Arteixo e as posibles solución, tanto ao goberno local de Arteixo como no Parlamento Galego.