O BNG considera prematuro saber como afectará a Arteixo o novo trazado de alta tensión proposto pola empresa
Na proposta de trazado alternativo hai incógnitas, como o número de propiedades da veciñanza afectadas.
O BNG de Arteixo valora positivamente o esforzo da empresa ao elaborar un trazado alternativo, pero considera prematuro saber como afectaría esta proposta a Arteixo e á veciñanza. “Estamos á espera de que a empresa dea máis información que un mero trazado de liñas grosas sen entrar no detalle”, explica Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo. “Ante a nova proposta, son moitas as incógnitas que se presentan. Entre elas, a máis importante: o número de propiedades afectadas da nosa veciñanza”, afirma o nacionalista.
O BNG quere aclarar que na moción institucional aprobada pola corporación municipal o pasado mes de xaneiro se pedía a retirada do proxecto, que aínda está en curso na Xunta de Galiza. Nesa moción tamén se solicitaba unha Xunta de Portavoces, a instancias do BNG de Arteixo, na que estivese o Vicepresidente Segundo Alfonso Rueda para expresarlle o noso malestar polo trazado e explicar por que este trazado debería retirarse. Non obstante, este punto non se chegou a cumprir.
Ademais, o BNG de Arteixo quere expresar a súa perplexidade no exposto sobre este tema na web municipal. Na noticia publicada, o Concello di que a empresa cumpre o requerimento da moción institucional pola que se solicitaba un trazado alternativo menos lesivo. Pero unha moción institucional é aprobada por catro grupos, polo que teñen que decidir entre os catro, non só Calvelo e o PP. A moción institucional presentada obedece a un trazado inicial, pero non se debe mesturar cun trazado alternativo diferente. Polo tanto, a afectación real desta alternativa non se coñece. Desde o BNG agardan que en breve se lles presente un proxecto serio desta nova proposta.