O BNG de Arteixo vota a favor das axudas a autónomos e critica a desidia da Xunta
O BNG de Arteixo participou no pleno extraordinario telemático celebrado hoxe, 14 de maio, onde votou a favor da aprobación das bases das axudas económicas e abstívose da modificación de créditos 12/2020.
O BNG votou a favor das bases reguladoras de axudas para o impulso de actividade económica no termo municipal de Arteixo para autónomos que reduciran de xeito significativo os seus ingresos desde o 14 de marzo. Desde o BNG apoiamos axudar as persoas autónomas do concello nestes momentos tan difíciles, máis aínda ante a deixamento da Xunta de Galicia. O BNG critica a ausencia de medidas por parte do Goberno galego, incumprindo manifestamente as súas responsabilidades e competencias. Así, sempre son os concellos os que teñen que asumir competencias sen asignación económica da Xunta.
Volvemos a esixir en pleno, como xa vimos comentando nas reunións do comité da COVID-19, unha coordinación entre administracións (Concello, Deputación, Xunta e Estado) para unha correcta xestión dos recursos e adopción de medidas. Ademais, o BNG esixe a derrogación da chamada “Lei Montoro”, a eliminación da regra de gasto e da taxa de reposición, pois os concellos deben poder investir recursos económicos para axudar á veciñanza e afrontar a crise.
O BNG manifesta tamén unha firme oposición a calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais, sendo os concellos as administracións máis próximas á cidadanía.
Abstención na modificación de créditos
No referente ao expediente de modificación de créditos 12/2020 – suplemento de créditos 3/2020, o BNG abstívose. Aínda que hai partidas necesarias, o documento amosa a mala xestión e falta de previsión do goberno do PP de Arteixo. Así, a dous meses da súa aprobación, os orzamentos municipais xa teñen que ser modificados nunha contía de máis de seis millóns de euros.
Esta modificación dos orzamentos vai xerar inestabilidade, pois as obrigas recoñecidas non teñen como contrapartida dereitos recoñecidos, xa que se está consumindo aforro. Ademais, incumprirá a regra de gasto, coa que, non obstante, estamos en contra no BNG.
Finalmente, desde o BNG si estamos de acordo con incrementar a obra pública nesta crise pero non entendemos a urxencia de determinadas actuacións que probablemente quedarán sen executar.