O BNG de Arteixo solicita un servizo de atención psicolóxica para persoas afectadas pola covid-19
O servizo atendería a persoas que superaron a covid-19, familiares así como casos paralelos de soidade ou medo.
O BNG de Arteixo solicita que o Concello habilite un servizo de atención psicolóxica para persoas afectadas, directa ou indirectamente, pola covid-19. O BNG pretende que este servizo atenda tanto a persoas que superaron a enfermidade como a familiares, así como outros casos paralelos, como pode ser a soidade, o medo e os coidados provocados pola situación sanitaria. Tamén demanda un servizo específico infantil e xuvenil.
Arteixo está sendo un concello con moitos casos de covid-19. De feito, en varias etapas tivemos niveis moi elevados e preocupantes que supuxeron estabelecer restricións máximas desde o goberno galego. Isto, loxicamente, está tendo consecuencias na saúde mental da poboación. “Persoas afectadas pola covid-19 trasládannos esta demanda despois de ver como familiares non só tiveron que estar na UCI senón que viron o falecemento de moitas persoas, a incerteza de non ver ás súas familias, situacións de estrés, etc.”, comenta o portavoz do BNG en Arteixo, Xurxo Couto sobre a demanda de moitas familias.
O BNG considera que se trata dun servizo esencial, pois as familias están vivindo situacións que as fan ser moi vulnerábeis emocionalmente e, polo tanto, as administracións deberían colaborar para atender este tipo de problemáticas. “É evidente que é a Xunta quen deberá poñer en marcha este tipo de atención, reforzando a atención primaria, mais vemos que pasa o tempo e non hai unha folla de ruta clara a este respecto polo que consideramos que un concello que ten recursos económicos suficientes debe procurar como eixo prioritario da acción de goberno a saúde emocional da súa veciñanza”, afirma Couto. O BNG considera que se podería facer un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que xa está desenvolvendo este tipo de servizos para outras administracións.
Atender o impacto da pandemia na saúde mental e no benestar das veciñas e veciños é un reto crucial que hai que abordar con urxencia. Esta situación pode provocar altos niveis de estrés ou ansiedade, derivados do confinamento e da falta da rede habitual de apoio que temos as persoas, a soidade que ocasiona o illamento social, os problemas laborais e, por suposto, situacións de sufrimento pola hospitalización ou perda de seres queridos. Estes son algúns exemplos do impacto psicolóxico que está ocasionando esta emerxencia e que estarían atendidos polos profesionais da psicoloxía, que contan cunha ampla experiencia no eido das intervencións en situación de crise.
O luns 6 de abril 2020 púxose en marcha un dispositivo de atención psicolóxica a través do 112, dirixido a toda a poboación galega, para atender o grave impacto no benestar psicolóxico e na saúde mental a pandemia. Este servizo é prestado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en concreto, a través dos e das profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), e está accesible as 24 horas para calquera persoa que o precise a través do teléfono de emerxencias 112.