O BNG de Arteixo solicita obras de mellora no centro social da Cachada
Desde o BNG de Arteixo quere denunciar o estado lamentábel no que se atopa o centro social da Cachada na parroquia arteixá de Monteagudo. Así, o BNG solicita ao goberno municipal que faga obras para mellorar as instalacións, tanto no edificio como nas pistas situadas na parte traseira do local.
O centro social da Cachada, que foi unha antiga escola e que é propiedade municipal, ten un pequeno parque infantil. Os seus bancos están nun estado de abandono total. “O deterioro é preocupante e debería ser arranxado de xeito inmediato. Ademais, o local debería ser adaptado tamén no interior para poder dar os servizos axeitados”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo.
Tamén é moi preocupante o estado de deterioro das porterías de fútbol nun lugar de acceso público e que, polo tanto, pode xerar problemas de seguridade nas persoas que usen as instalacións.
O BNG esixe que goberno local adopte medidas de forma urxente para mellorar este centro social, que é usado tamén para actividades do propio Concello nas que participan veciñas e veciños da parroquia. “Neste momento en que as actividades están limitadas por moi da crise sanitaria é un bo momento para facer as obras destinadas a dotar este núcleo de algo máis de 100 veciñas e veciños dun local en condicións”, opina Couto.