O BNG de Arteixo solicita ao goberno a xestión de tarxetas prepago para as familias máis necesitadas
Estas axudas serán cargadas a través de anticipos de caixa.
16 abr. 2020 - 14:47
O BNG participou onte mércores 15 de abril nunha nova reunión do Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo. O BNG volveu a recordar o tema da xestión das tarxetas prepago para as familias máis necesitadas do municipio. Onte solicitóuselle ao goberno local que se dirixa á Fegamp para que sexa esta quen xestione con Correos o reparto das ditas tarxetas e, así, conceder axudas directas ás persoas con menos recursos económicos. Estas axudas serán cargadas a través de anticipos de caixa.
Na reunión tratáronse estes outros temas:
- ERTE. Ademais da empresa xestora da piscina municipal, parece ser que Integra tamén presentou un ERTE parcial (que afecta a conserxerías). O BNG volveu insistir en que Concello non debe permitir que as empresas privadas adxudicatarias decidan solicitar un ERTE, de forma unilateral sen comunicalo con anterioridade.
- Mascarillas. Estanse entregando as mascarillas compradas polo Concello de Arteixo por domicilio censado. O Estado entregou 6.000 mascarillas que está distribuíndo a Garda Civil pero semella que se están atopando dificultades para o reparto, que se centra básicamente nos medios de transporte público e á xente que vai traballar. Están pendentes de recibir as 4.700 mascarillas da Deputación da Coruña.
- Suspensión de pagos. Están suspendidos os pagos ao Concello ata o 30 de abril, podendo prorrogarse un mes máis en función da evolución da situación.
- Tarefas escolares. Polo momento atenderanse casos a demanda e desde o goberno local dinnos que, contactados os centros educativos, non cren necesaria ningunha actuación complementaria. A intención de todos os grupos da corporación municipal é que todo o alumnado conte cos medios precisos. Agardamos calquera información ou medida tomada pola Xunta de Galicia.
- Axudas económicas. Estanse redactando as bases para solicitar axudas e haberá tres liñas prioritarias por esta orde: locais pechados, locais abertos pero con importante merma de ingresos e persoas autónomas. Estase discutindo o método pero todos os grupos cren preciso chegar ao máximo de beneficiarios, polo que desde o BNG considérase que a concorrencia competitiva non é un bo método e moito menos a orde de chegada da solicitude. Parece ser que xa están entrando solicitudes por rexistro cando ainda non hai nin bases.
O Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo volverá a reunirse mañá venres 17 de abril.