O BNG de Arteixo presenta alegacións á Relación de Postos de Traballo do Concello
O BNG de Arteixo presentou en prazo diferentes alegacións ao catálogo de postos e da valoración de postos de traballo do Concello de Arteixo. O pleno da corporación aprobou en xullo a relación de postos de traballo, pero sen o voto a favor do BNG, pois no mesmo pleno advertimos dos moitos desequilibrios do documento. Unha vez publicado no BOP do 10 de agosto, comezou o período de alegacións.
O BNG considera que hai moita indeterminación á hora de valorar os postos de traballo no Concello de Arteixo e, por tanto, a subxectividade supera á obxectividade pretendida. A Relación de Postos de Traballo debería valorar obxectivamente os postos de traballo de cada un dos traballadores/as dependendo das súas funcións. En cambio, no documento presentado polo goberno do PP, evidéncianse desequilibrios en postos similares, indeterminación e ambigüidades ou casos onde a ponderación prima a uns traballadores sobre outros.
Queremos expoñer en público as alegacións presentadas polo BNG de Arteixo:
1. Entendemos que a relación e a valoración de postos de traballo do Concello de Arteixo pretendan e promocionen unha igualdade salarial a través da avaliación non discriminatoria dos empregos e por tanto determina o valor dun posto individual nunha organización en relación con outros. Aínda que a OIT considera que o sistema de puntuación ponderado é o máis adecuado polas súas propiedades de obxectividade, atopamos que este método de punto por factor, tal e como asegura o manual presentado neste catálogo na súa páxina 15 “non existe fórmula ou guía exacta para determinar o valor relativo dos factores e cada organización debe confiar no bo xuízo dos que toman esta decisión (…) ao sinalar o valor relativo dos factores, normalmente suponse que o seu valor total é de 100 por cento”. Por tanto e a nivel xeral, concluímos que queda a discreción do goberno o valor dos factores a ter en conta e na proporcionalidade que estes escollan afastándose quizais dunha obxectividade buscada e como así demostran certas comparativas na valoración de postos que pasamos a explicar
2. Entendemos que o posto 1A001 de habilitación nacional, Secretario Xeral, tería que ter unha dispoñibilidade plena pois ante calquera eventualidade pois unha das funcións de Secretaría é a de función pública e a de asesoramento legal preceptivo. Así mesmo tamén entendemos que a “atención ao público “ non é unha das súas funcións nin tampouco entendemos que poda ter unha dispersión alta dentro da complexidade territorial. Todo isto o entendemos así aínda que non pondere nin a Dedicación (dispoñibilidade) nin a Penosidade (atención ao público).
3. En canto ao posto 1A002 e 1A009, interventor/a e viceinterventor/a, non entendemos as diferenzas dado o seu idéntico carácter. Como pode ser que F4 non poida ter a responsabilidade do uso e custodia de bens patrimoniais ou ter a dispoñibilidade ocasional, diferente ao posto de F2. Facemos constar que a F2 e F3 teñen unha dispersión territorial alta cando a súa perigosidade é de traballo de oficina. Así mesmo, a atención ao público consta en F1, como xa dixemos, mais tamén incomprensiblemente ao noso parecer en F2, F3 e F4.
3. O manual pondera os factores de valoración en función do nivel salarial determinado polos factores organizativos porcentualmente pero non indica como se obteñen esas porcentaxes. No texto dise que ante un documento ten extenso e denso como é unha relación de postos de traballo as linguaxes deben ser clarificadoras e verificables. En moitos dos postos de traballo esta ponderación do 0% resulta comprensíbel.
4. En canto ao 0A102, F6, entendemos que se pode haber desprazamentos habituais, tamén pode haber intemperie, mais xa non sería un traballo mero de oficina senón que tería un risco máis alto e por tanto a súa puntuación aumentaría e a ponderación do 5% cambiaría os puntos totais.
5. Por que algunhas xefaturas de área teñen grupo A1 e outras A1/A2? Vemos que no posto 1B008 (F7) ten adscrito o grupo A1/A2 e tamén un CD 28 cando o grupo 28 só pode ser A1. Por se se trata dun erro, na denominación do posto de traballo dentro do organigrama alúdese ao nivel 28/26.
Pode un posto de traballo ter 2 grupos? Que se necesita para estas funcións?
Todas as xefaturas entendemos que requiren dunha titulación superior e por tanto a adscrición ao grupo A1.
6. A perigosidade do xefe de seguridade cidadá debería ser de risco alto porque se é traballo de oficina non habería nin desprazamentos habituais nin intemperie; aínda que, insistimos, ponderen un 0%.
7. Na denominación do posto de traballo co código 1C020 atopámonos na área de Urbanismo co posto de delineante que entendemos que ten de grupo “C1”, pero tamén se lle imputa o “B” que ten titulacións ben diferenciadas. Entendemos que debe haber un erro ou unha falta de información na documentación cando na valoración do posto de traballo aparece este código 1C020 como xefe/a de negociado con grupo “C1” e un CD de 22.
8. O posto de código 4C021 de administrativo (L/F) vemos que é de grupo III pero como reza a nomenclatura se é de característica funcionaria tería que adxuntarse ao III o grupo C1, dada a equivalencia da páxina 21.
9. A mesma situación preséntase para o posto de auxiliar administrativo/a a xornada partida (1D021, páxina 67), laboral ou funcionaria e por tanto no recuadro de grupo debería poñerse “IV/C2”.
10. A valoración do posto de normalizador/a, 2B020, do grupo I, practicamente ten unha especialización similar á do posto de subalterno e por debaixo dos posto de administrativo, cando se lles esixe unha titulación superior e ademais dentro das súas funcións podemos ver facetas de responsabilidade, de coordinación, planificación, etc. e non se puntúa a complexidade funcional nin territorial mais tampouco a responsabilidade e, como xa dixemos, a especialización.
11. Na praza de técnico/ de Planificación/a, 1A015, entendemos que tamén debería ser máis alto o grao de especialización se o comparamos tamén coas funcións que desempeñan dentro do organigrama. A dispoñibilidade debería ser obxecto de puntuación e tamén a responsabilidade sobre persoal.
12. Se analizamos a valoración efectuada ao posto 1A014, letrado/a, e a 1A005, xurista de urbanismo, entendemos que hai un claro desequilibrio pois dáse unha clara diferenciación na especialización con diferencias entre a especialización teórica ou a esixencia de permanente actualización xunto coa cualificación do posto, tamén diferenciándose na competencia e mando así como nas porcentaxes derivadas da puntuación.
Entendemos que a dedicación debería ser parcial nos dous postos e tamén que no Complemento Específico deberían constar as mesmas puntuacións e tamén a mesma responsabilidade, parcial nos dous casos.
13. En canto ao 1A012, Técnico/a de administración xeral, deberían ter certa dispoñibilidade ocasional pois é un posto con funcións de certo rango e de posíbel disposición dependendo da conxuntura.
14. En canto ao 2A013, xefe/a TIC, non nos cabe a mínima dúbida de que a súa especialización teórica e práctica debe ser das máis altas e a súa esixencia de permanente actualización debe ser das máis altas. Por tanto, a especialización en complemento de destino pensamos que é moi inferior ao que estable o documento, analizado nestas alegacións así como tamén no apartado de especial dificultade técnica. Se algún posto de traballo debe estar e está en continua actualización e transformación, nos seus contidos e na súa metodoloxía, ese é o relacionado coas TIC. Entendemos que a complexidade funcional debe ser maior á adxudicada.
15. Analizamos o posto 2A001, técnico informático/a, no que apreciamos a especialización moi baixa á que pensamos que debera e por tanto menos puntos e menor porcentaxe de ponderación. Neste posto, vemos como, se ten as opcións de funcionario/a e laboral no grupo debería consignarse ademais do “I” tamén o “A1”, a pesar de que é nomeado como L27. Todo isto leva a confusión.
16. Advertimos tamén que practicamente ningún posto de traballo se lle valora o esforzo visual nin a posición corporal ou sensorial forzada, cando sabemos que existen as enfermidades asociadas ao uso excesivo de pantallas e computadoras. Os postos relacionados coa informática deberían ter esta valoración e por tanto o F25, L26, L27 e L28.
17. En canto ao técnico auxiliar de informática, 3C003, entendemos que tamén deberan ser valorado os desprazamentos habituais así como o esforzo visual. Por tanto, mudarían tanto a puntuación como a ponderación.
Por outro lado, o grupo tamén está desequilibrado posto que se esixe grupo X e grupo III á vez que teñen, por un lado especificidades académicas diferentes e responsabilidades diferentes.
18. Comparativamente observamos que no posto código 1B018 de técnico/a inspector/a de tributos e o técnico/a de rendas e exaccións, 1B015; a porcentaxe de puntos na especialización do primeiro posto é do 45% mentres que no segundo é do 71% (cantidade porcentual que non está nas explicacións iniciais do manual).
19. No posto de oficial de policía local, 1D018, temos unha competencia e mando denominada “baixa” ao igual que a policía local ( 1D019). Unha oficialía sempre se lle debería adxudicarse máis competencia e mando que aos seus subordinados nunha estrutura vertical.
20. Pasamos a analizar o posto de auxiliar de emerxencias, 2E070, non debería ter responsabilidades sobre persoal.
21. No 4D01, lector/a-administrativo/a, tería que ser grupo III e non grupo IV pois este grupo non chega a CD 20. Consta que pode ser laboral ou funcionario (L/F) aínda que é denominado tamén L48. Se fose funcionario terían que,a demais do G III e IV deberíase adxuntar o “C1” e “C2”.
22. No capataz de servizo de limpeza, 3D050, tería a mesma responsabilidade sobre persoal que o posto de limpador/a (2E100) e a mesma puntuación ten o vixiante de residuos.