O BNG de Arteixo pide solución urxente aos problemas de mantemento da escola de Barrionovo
O grupo municipal do BNG, logo de coñecer os diversos problemas de mantemento da escola infantil de Barrionovo en Pastoriza, amosa a súa indignación porque leven anos así sen que o goberno local adoptase ningunha medida. "Apoiamos as reivindicacións tanto da dirección do centro como das nais e pais e tamén o feito de que o fixesen público”, indicou Xurxo Couto, portavoz municipal do BNG.
Despois de poñernos en contacto con algunhas nais e pais, desde o BNG consideramos indignante que leven anos pedindo que se solucionen eses problemas nunha instalación que é de titularidade municipal e que aínda non se fixese ningún investimento para solucionar problemas de goteiras, de humidades etc. O máis delirante é que unha concelleira como Inés Ramos estea no consello escolar e que saiba desde hai meses e meses estes problemas e non faga nada, ademais de ocultar esta información ao pleno da corporación. Segundo nos explicaron estas nais e pais xa se comentou nos 2 últimos consellos e mais xa o fixeran como mínimo 6 veces antes. Como é que non se adoptou ningunha medida aínda?
O BNG de Arteixo reclama que se fagan as obras de xeito urxente. Ademais, vista a continua ocultación de datos que hai por parte do goberno local a respecto dos organismos en que só eles e elas teñen representación, “imos pedir que se nos entreguen as actas dos consellos escolares e tamén que se dea información nas diversas sesións plenarias dos debates e acordos que hai noutros organismos como poden ser a autoridade portuaria, Edar de Bens etc.", explica Xurxo Couto.
No vindeiro pleno solicitaremos unha información de todas as reclamacións de melloras feitas polos distintos centros educativos, tanto de titularidade municipal como da titularidade da Xunta. Este organismo lava as mans continuamente en obras que son da súa competencia e que executa o Concello. E, por certo, Calvelo, non denuncia nin lles reclama o diñeiro.