O BNG de Arteixo pide poñer os servizos técnicos municipais ao dispor da veciñanza afectada polo tendido de alta tensión
O BNG pide unha xunta de portavoces e convidar ao conselleiro de Economía para expresar o rexeitamento do Concello en persoa.
O BNG solicita ao Concello de Arteixo que se poñan os servizos técnicos municipais ao dispor da veciñanza afectada polo proxecto do tendido eléctrico para facer as alegacións. Os nacionalistas piden que haxa alegacións tipos para presentar ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da instalación de distribución eléctrica que afecta as parroquias de Monteagudo, Chamín, Armentón, Lañas, Larín, Loureda e Morás.
“Está moi ben que o Concello diga que se opón ao trazado pero… que máis vai facer?”, sinala o portavoz do BNG en Arteixo Xurxo Couto. “Pedimos que se pase das declaracións aos actos, que se asesore á veciñanza nas alegacións a presentar e que o goberno local solicite unha xuntanza de todos os grupos co Conselleiro para expresarlle o noso rexeitamento e explicarlle os motivos que temos para facelo”, sinala o Couto.
Desde o BNG tamén alertan unha vez máis da falta de garantías na data de presentación de alegacións. Primeiro apareceu a publicación no BOP o día 11 de xaneiro, pero sen indicar que prazo había nin cando comeza a computar. Tampouco estaba o proxecto exposto na web da Consellaría de Economía.
O BNG púxose en contacto coa Consellaría e, desde alí, indicóuselles que ían facer unha nova publicación xa que había erros. Con todo, este xoves pasado volveu a aparecer no BOP sen que, de novo, se indicara a data nin o prazo, nin se ten que haber novas publicacións. Ata onte venres, a pesar de que o indican na publicación, aínda non estaba ao dispor da cidadanía o proxecto na páxina da Consellaría no enderezo que se indica. Volvendo a contactar telefonicamente, desde a Consellaría díxosenos que aproximadamente sairía no DOG sobre o 9 de febreiro, para así abrir un período de alegacións formal onde todo o mundo puidese expresar os seus alegatos.
O BNG convocará unha xuntanza telemática coa veciñanza para falar sobre o tema. Tamén convida a veciños e veciñas de Arteixo a unirse entre todos para ter máis forza co obxectivo de parar o proxecto.