O BNG de Arteixo pide información sobre o proxecto de conexión ferroviaria a Punta Langosteira
O BNG de Arteixo enterouse esta mañá polos medios de comunicación de que a Autoridade Portuaria celebraba hoxe, martes 15 de febreiro, unha reunión do Consello de Administración na que se aprobará de xeito definitivo o proxecto de acceso ferroviario ao porto exterior, paso que posibilitará a licitación da obra en breve.
Os nacionalistas lamentan que, tendo o Concello de Arteixo de representación na Autoridade Portuaria, o goberno local do PP nunca informa do proxecto do tren ao porto de Punta Langosteira. “Desde o goberno nunca nos dixeron que estaban a estudar un proxecto de tanto alcance coma este, por iso demandamos información ao alcalde sobre isto”, declara Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo.
Con todo, o BNG alégrase de que se aprobe esta conexión ferroviaria. Deste xeito, cúmprese por fin a solicitude do BNG de Arteixo, quen leva demandando esta obra desde hai anos para o desenvolvemento do Porto Exterior de Arteixo-A Coruña, posto que a súa execución vai supoñer unha riqueza a maiores para Arteixo e toda a comarca.