O BNG de Arteixo pide que se facilite a xestión das bolsas de comedor escolar

Xuntanza comité de seguimento da COVID-19 en Arteixo
Reunión comité COVID-19
Solicitamos que se informe aos beneficiarios dos trámites a realizar para recibir a axuda.
O BNG de Arteixo pide que se facilite a xestión das bolsas de comedor escolar

O BNG participou o pasado mércores 8 de abril nunha nova reunión do Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo para abordar diferentes accións que se están levando a cabo como as bolsas de comedor escolar ou temas como o ERTE da empresa adxudicataria da piscina municipal.

Con respecto ás bolsas do comedor escolar, preguntamos ao goberno se estaban xestionando que os pagos se fixeran directamente ás familias  (un total de 297 usuarios) e se estas precisaban facer algún trámite. Efectivamente, terase que facer algún trámite, que será o máis sinxelo e rápido posible. Desde o BNG pedimos que se publicaran claramente os trámites e, na medida do posible, se poñan en contacto con todos os beneficiarios para explicar o proceso.

No referente ao ERTE da empresa adxudicataria da piscina municipal, o goberno respondeu que a eles non se lle comunicou a decisión nin saben se foi concedido o dito ERTE. Así pois, vaise realizar un trámite para enterarse da situación. En todo caso, comenta o goberno que este sería o único caso de empresa que traballa para o Concello que ten presentado un ERTE.

Desde o BNG interesámonos pola situación da gardería, con 19 persoas traballadoras, por cuxo salario nos preocupamos no seu momento. Desde o goberno dixéronnos que a empresa recibirá as cantidades precisas para que o persoal cobre sen problema.

Finalmente, o equipo da UME desinfectou a residencia de maiores o pasado venres e a persoa hospitalizada foi dada de alta.

O BNG de Arteixo pide que se facilite a xestión das bolsas de comedor escolar