O BNG de Arteixo pide axilidade para a contratación de obras derivadas das axudas da Deputación
O BNG de Arteixo quere agradecer os esforzos da Deputación da Coruña e o seu compromiso por dotar de recursos cos seus remanenentes ás administracións locais, co obxectivo de investir a nivel social e en infraestruturas. Estes investimentos deben chegar o antes posible a quen os precise nesta época de covid-19.
No pleno do pasado mes de marzo de 2021, a Deputación da Coruña aprobou o Plan de Acción Social (PAS). Grazas a esta axuda extraordinaria do ente provincial, o Concello de Arteixo recibirá 330.186,58 euros que vai permitir un reforzo de persoal, técnico e/ou administrativo, adscrito aos servizos sociais, co obxecto de apoiar aos equipos actuais, e facilitar a tramitación urxente das prestacións obxecto deste plan. Para isto destínanse 159.119 euros, indo os restantes 171.067,23 destinados a ampliar e dotar as partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás persoas soas ou familias, maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, con baixos ou nulos ingresos económicos, a través de axudas económicas para asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, co obxectivo de favorecer a integración.
Ao PAS, hai que sumar o Plan de Obras e Servizos (POS) no que a Arteixo lle corresponde unha achega inicial de 1.206.089,46 euros. Unha cantidade que se vai ver incrementada no pleno da Deputación do mes de abril. Grazas a estes fondos da Deputación vanse facer actuacións como a mellora dos accesos ao núcleo de Vilarrodrís, a nova conducción de auga a Oseiro e tamén unha senda na zona de Coque en Larín.
Desde o BNG de Arteixo agardemos que o Concello non se retrase coas contratacións, tal e como veu acontecendo até o de agora, e contrate as obras solicitadas. “A pesar de ter os recursos económicos, o Concello de Arteixo non foi capaz de contratar aínda obras do plan de obras do 2017. Pedimos axilidade e compromiso para acometer as obras que permiten estas axudas da Deputación”, declara Xurxo Couto, voceiro do BNG en Arteixo.