O BNG de Arteixo oponse ao trazado do tendido de alta tensión entre Monteagudo e Morás
O BNG de Arteixo oponse ao trazado da liña aéreo-subterránea para comunicar Monteagudo e Morás. Xa en 2013, o BNG presentara alegacións ao estudo de impacto ambiental.
Neste días publicouse a exposición pública deste proxecto, que pretende a construción dunhas 50 torres de alta tensión para levar enerxía desde o parque eólico de Monteagudo ata o polígono de Morás. Isto significa un tendido aéreo de case 14’4 km e de 1,1 km soterrado e que atravesa toda a zona sur do Concello afectando a parroquias como Monteagudo, Armentón, Lañas ou Loureda.
Desde o BNG consideran que a afectación do proxecto é demasiado importante nunha das poucas zonas do termo municipal que non soporta o paso de grandes infraestruturas. Os nacionalistas lembran que o Concello xa ten liñas de alta tensión afectando casas, autovías, autoestradas e viais ao porto, así como varios gaseoductos, poleoducto, millóns de metros cadrados de reserva industrial, etc., que impiden un desenvolvemento territorial medioambientalmente sostible.
O proxecto ten tamén unha importante afectación en terreos agrícolas e atravesa o val de Loureda, que xa está afectado pola AG-55 e agora veríase cortado polo paso deste tendido.
O BNG presentará unha moción ao respecto no pleno pedindo a retirada deste proxecto así como que o Concello informe e asesore sobre as alegacións á veciñanza e colectivos que así o soliciten.
Finalmente, desde o BNG de Arteixo alertan tamén das lagoas sobre os prazos para a presentación de alegacións. Os nacionalistas puxéronse en contacto coa Consellaría de Industria, pois a publicación do BOP do día 11 de xaneiro de 2021 da exposición pública non indica cando comeza o período para a presentación de alegacións nin cal é o prazo. Así mesmo, na web da Consellaría a día de hoxe non se pode acceder ao proxecto. “Díxonos un traballador que detectaran erros na publicación e que tiñan que volver publicalo e que o prazo comezaría unha vez publicado no BOP, no DOG e nun xornal dos de maior tirada”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo.