O BNG de Arteixo leva a pleno unha moción para mitigar o impacto da inflación na sociedade

A rúa Uruguay e a súa contorna precisa melloras para a seguridade da veciñanza
A rúa Uruguay e a súa contorna precisa melloras para a seguridade da veciñanza
Os nacionalistas preguntarán polo estado de abandono en Meicende e Vilarrodís así como rogarán que se remate o parque da rúa Uruguay.
O BNG de Arteixo leva a pleno unha moción para mitigar o impacto da inflación na sociedade

O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra este xoves 31 de marzo, unha moción relativa ás actuacións que deben impulsar os gobernos galego e central para mitigar o impacto do crecemento disparado da inflación na sociedade e economía galegas.

Entre os acordos que presentan os nacionalistas, destacan a demanda ao goberno central da intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, así como impulsar unha tarifa eléctrica galega. Ademais, o BNG solicita baixar o IVE a alimentos básicos, produtos do mar, hixiene persoal e feminina e transporte público.

Por outra parte, o BNG demanda á Xunta de Galicia a protección do sector agrogandeiro e marítimo-pesqueiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustíbeis. Tamén se pide a actualización do Ingreso Mínimo Vital por parte do goberno do Estado e, á Xunta, a reforma da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza para garantir a compatibilidade e complementariedade da Renda de inclusión social de Galiza (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV) así como axilizar e facilitar a súa tramitación.

Rogos e preguntas

O BNG de Arteixo preguntará no pleno polo estado de abandono actual de Meicende, a falta de limpeza viaria (rúa Barcelona) e a falta de iluminación da rúa Touriñán. Tamén debería haber beirarrúas nas rúas Codeseira, así como na contorna en lugares como Montillos, Sobrado ou Borroa.

Así mesmo, os nacionalistas preguntarán ao goberno local se teñen previsto subsanar as deficiencias detectadas nas pistas deportivas do barrio de Laradas e dotar a Vilarrodís dunha adecuada zona deportiva e de lecer. Tamén preguntará polo plan de restauración da canteira Monte da Costa (Vilarrodís).

Pola súa parte o parque das rúas Uruguay e República Dominicana está por rematar. Ademais, a zona precisa melloras na propia rúa Uruguay. Así, o BNG roga que se atendan as demandas da veciñanza en canto ao parque e que se complete con áreas infantís.

Finalmente, o BNG rogará que se coloque a sinal de aparcamento para persoas con discapacidade de Repibelo noutro emprazamento máis adecuado e que se repasen outros espazos onde suceda o mesmo.

 

O BNG de Arteixo leva a pleno unha moción para mitigar o impacto da inflación na sociedade