O BNG de Arteixo leva a pleno a mellora do sector comercial e hostaleiro e a eliminación das liñas de tensión de Sol y Mar
O BNG de Arteixo presenta dúas mocións para o seu debate no pleno ordinario deste mes de setembro. Por unha parte, un moción para a mellora da actividade comercial e hostaleira en Arteixo e, por outra, unha moción sobre a eliminación das liñas de tensión de Sol y Mar, tal e como os nacionalistas se comprometeron coa plataforma de afectados desta urbanización de Oseiro.
Tras máis de ano e medio de pandemia e diferentes propostas para axudas ao sector, o BNG presentará unha moción no pleno que busca mellorar a actividade comercial e hostaleira en Arteixo. É vital para a vila ter un colectivo comercial activo, vivo e dinámico, entendo isto como un primeiro paso para saír desta crise económica. O BNG propón a votación dos acordos da moción: continuar os contactos co Centro Comercial Aberto para preparar distintos proxectos e estratexias de futuro; crear un programa de incentivo do consumo hostaleiro, comercial e turístico a través de bonos ás compras; adquirir o compromiso de habilitar medidas compensatorias en caso de cese ou redución de actividade comercial; e elaborar programas transversais con distintos sectores (comercial, turístico, deportivo, cultural…) que redunden na dinamización da actividade e poñan en valor o traballo e imaxe de Arteixo.
Solución para Sol y Mar
O BNG volve sacar a debate a situación das liñas de alta tensión na urbanización Sol y Mar. Os nacionalistas levan desde o comezo apoiando as reivindicacións veciñais e acompañoron todas as accións da plataforma veciñal con iniciativas tanto no Concello como na Xunta de Galiza. É responsabilidade de toda a corporación traballar para que esta reclamación sexa unha realidade e, por iso, o BNG de Arteixo solicitará un acordo en pleno para instar á Xunta de Galiza e á compañía eléctrica a formar unha mesa de traballo xunto co Concello de Arteixo co obxectivo de eliminar as torretas de alta tensión que atravesan a urbanización Sol y Mar, buscando unha solución alternativa ao seu trazado.