O BNG de Arteixo lamenta a falta de compromiso do Goberno coa construción da liña ferroviaria a Punta Langosteira
O Goberno central presentará o proxecto aos fondos europeos Next Generation.
O BNG de Arteixo amosa o seu pesar ante a falta de compromiso coa construción da liña ferroviaria de Punta Langosteira. O ministro de Transportes, Mobilidade y Axenda Urbana, José Luis Ábalos, anunciou onte na reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que a intención do Goberno é presentar o proxecto aos fondos Next Generation da Unión Europea, coa previsión de que esta confirme o proxecto no mes de xullo.
Necesítase a construción do enlace ferroviario para o desenvolvemento económico e laboral de Arteixo e comarca. Desde o BNG consideramos que non é a forma máis inmediata, tal e como o Goberno mantén, aínda que o certo é que xa non agardabamos celeridade de partidos como PSOE e PP, que xa defraudaron bastante neste tema.
O BNG considera que non hai un compromiso firme, simplemente de novo un atraso na construción da obra. “Os gobernos central e autonómico están máis pendentes dos terreos do porto interior da Coruña que do desenvolvemento da comarca da Coruña e do Concello de Arteixo”, afirma o portavoz do BNG en Arteixo Xurxo Couto. “As novas indícannos que o proxecto non estaría adxudicado ata 2023, sen contar posibles prórrogas, o que demoraría a adxudicación e posta en funcionamento”, continúa. O BNG considera que se houbese intención de paliar a crise económica no noso municipio, con máis de 2.300 parados a 31 de marzo de 2021, os acordos serían outros e máis en firme.
O BNG de Arteixo levará ao pleno deste mes de abril iniciativas para seguir poñendo en valor a rapidez na licitación, adxudicación e construción do enlace por ferrocarril ao porto exterior de Punta Langosteira.