O BNG de Arteixo esixe medidas para acabar cos vertidos contaminantes en Barrañán
O BNG de Arteixo pide ao Concello que adopte as medidas necesarias para evitar os vertidos contaminantes na ría de Barrañán.
Xa son moitos os anos de constantes problemas de contaminación na praia de Barrañán sen que o goberno do PP adopte ningunha medida para impedir as constantes verteduras no espazo natural. O BNG de Arteixo leva tempo esixindo que se busquen solucións a un grave problema ecolóxico que afecta a este espazo, situado na Rede Natura 2000 dentro do LIC Costa da Morte. O Concello ten que saber onde está o problema e debe explicar como é posíbel que non lle queiran poñer solución.
O goberno de Calvelo leva desde o ano 2013 anunciando diferentes obras e actuacións coas que promete que vai acabar co problema. Porén, só é propaganda, pois a realidade é que estamos en 2021 e os vertidos continúan.
Desde o BNG lembran que, ano tras ano, no período de verán está prohibido o baño e, ademais, a ría aparece na lista de puntos con bandeira negra das asociacións ecoloxistas.
Desde o BNG anunciamos un bombardeo institucional que obrigue a que se adopten medidas xa. O BNG levará unha iniciativa sobre o tema ao Parlamento galego e europeo.