O BNG de Arteixo denuncia a situación de asolagamento de vivendas nas Eiras
O BNG de Arteixo volve a denunciar a situación que viven diversos veciños e veciñas das Eiras (Meicende), aos que se lles asolagan as vivendas cando chove. Unha situación que cada vez se fai máis habitual e que os nacionalistas levan denunciando desde hai tempo sen que o Concello ofreza solución.
“O goberno do PP está tendo unha actitude vergoñenta ante esta situación”, afirman desde o BNG. A situación é crítica xa que son augas pluviais e fecais. O BNG lamenta que ningún membro do goberno local se poña en contacto nin visite as familias afectadas polos constantes asolagamentos da súa vivenda por mor duns servizos municipais ineficaces. E, por suposto, critica que o goberno tampouco pon a disposición da veciñanza ningunha solución para que non se repita o grave problema. Desde o ano 2017 o goberno local do PP leva prometendo melloras nas Eiras e, xa en 2021, as obras seguen sen rematar e os problemas son cada vez maiores.
Desde o BNG consideran vergoñento que desde o goberno non se contesten nin os escritos das persoas propietarias. “Levan feitos varios escritos, hai partes da policía local e o goberno non resposdeu nin se puxo en contacto con elas”, afirma o voceiro do BNG en Arteixo, Xurxo Couto.
O BNG volverá levar á sesión plenaria a situación que se está a vivir nas Eiras e agarda que o goberno actúe dunha vez para garantir que as persoas, que pagan os seus impostos e a taxa e auga e saneamento, teñan servizos de calidade.