O BNG de Arteixo considera un despropósito a liña de alta tensión
Hoxe martes, 9 de febreiro, o DOG e a prensa publican a exposición pública do proxecto completo do trazado de alta tensión que atravesaría a zona sur do municipio de Arteixo. Tamén se pode acceder ao proxecto na páxina web da Consellaría de Economía da Xunta, onde se observa que o prazo de presentación de suxestións e queixas vai desde mañá, 10 de febreiro, ata o 26 de marzo deste 2021.
Desde o BNG queren lembrar que desde a Xefatura Territorial nos trasladaran no seu momento de que este prazo ía ser máis longo. A este respecto, o BNG tamén lamenta que o Concello de Arteixo tivese o proxecto desde o 11 de decembro de 2020 e non informase publicamente ata un mes despois. Agora, o tempo de resposta será menor.
O BNG considera innecesario o tendido de alta tensión, tendo en conta que no polígono de Morás xa se está poñendo en marcha unha subestación para subministrar enerxía suficiente.
Os nacionalistas animan á participación e mobilización da veciñanza. Nos vindeiros días, o BNG de Arteixo poñerá a disposición pública as alegacións para que todas as persoas que queiran poidan consultalas, adaptalas, asinalas e presentalas. “Queremos que todas as persoas que o desexen presenten alegacións contra este proxecto totalmente innecesario e que só busca un beneficio para unha empresa, esnaquizando a zona sur do noso concello”, afirma Xurxo Couto, portavoz do BNG de Arteixo. “É tremendamente inxusto que queiran cometer este atropelo nunha zona do municipio que aínda mantén valores ambientais e de calidade de vida que debemos preservar”, engade.
O grupo parlementar do BNG rexistrou un total de 6 iniciativas no Parlamento galego sobre o proxecto de alta tensión que afecta ás parroquias de Monteagudo, Chamín, Armentón, Lañas, Larín, Loureda e Morás en Arteixo.