O BNG de Arteixo aposta por uns orzamentos máis sociais e con servizos para a cidadanía
Os orzamentos para 2022 do PP de Arteixo volven ser continuístas, con moita obra e poucas actividades para a veciñanza.
O pleno ordinario de novembro, celebrado este xoves 25, xirou arredor dos orzamentos do Concello de Arteixo para 2022. O BNG considera que os orzamentos presentados polo PP volven ser continuístas, propoñendo obras de asfaltado e formigón pero moi poucos servizos para a cidadanía. Sen dúbida, un concepto de gobernar e administrar o diñeiro público que dista moito do que o BNG faría no goberno. Os nacionalistas abstivéronse na votación posto que, a pesar de non coincidir na proposta xeral do documento, inclúen obras e investimentos necesarios para Arteixo.
Os orzamentos do PP para este 2022 inclúen de novo a creación de moitas infraestruturas que, como está ocorrendo, non se utilizan, mesmo están pechadas. Así, este goberno non ofrece servizos nin programa actividades para a veciñanza de Arteixo. O BNG está a favor da creación de centros sociais pero ten que ir acompañada da dotación de persoal, actos e actividades. O BNG no goberno dotaría estes espazos tanto de persoal e actividades lúdicas e formativas.
Ademais, nos gastos contémplanse moitos investimentos que, se atendemos á aos anteriores son unha utopía e non se levarán a cabo. O BNG destacou o baixo nivel de execución dos orzamentos ano tras ano. Así, o goberno do PP de Arteixo executa só unha terceira parte do proposto no anexo de investimentos. “Para que se planifican investimentos se só se van executar o 33%?”, pregunta Xurxo Couto, voceiro do BNG en Arteixo.
Os orzamentos para este 2022 poden considerarse electoralistas, pretendendo facer o que non se fixo nestes dous últimos anos. Tamén son desequilibrados, pois medran de xeito millonario unhas partidas e outras case se manteñen como estaban a pesar de que o orzamento sobe en ingresos 10 millóns ata alcanzar os 60 millóns.