O BNG de Arteixo aposta por regular o sector da horticultura para xerar riqueza no municipio

IMG_3083
Na xornada participaron o concelleiro do BNG de Arteixo, Xurxo Couto; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; David López e Álex García de Agrodayca SC.

O BNG de Arteixo celebrou hoxe a xornada "A invisibilidade da horticultura profesional" en formato de mesa redonda

O BNG de Arteixo aposta por regular o sector da horticultura para xerar riqueza no municipio
  • A situación irregular das empresas hortícolas, a inexistencia de subvencións e falta de solucións por parte da Administración galega aos ataques de animais son os problemas principais que afronta o sector.
  • Así se denunciou na mesa redonda "A invisibilidade da horticultura profesional", na que participaron o concelleiro do BNG de Arteixo, Xurxo Couto; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e profesionais da horticultura da comarca.
  • O BNG de Arteixo escoitou aos profesionais do sector co fin de promover políticas que sigan xerando riqueza no rural do municipio.

Arteixo, 15 de marzo de 2019.- O BNG de Arteixo celebrou hoxe a xornada "A invisibilidade da horticultura profesional" en formato de mesa redonda coa participación de Xurxo Couto, concelleiro do BNG en Arteixo; Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Mª Carmen Lista Bermúdez, presidenta da asociación A Terriña; David López Orgeira, xerente de AgrodaycaSc, e Álex García, responsable de produción na dita empresa.

Durante a mesa redonda expuxéronse os problemas que afrontan actualmente as empresas dedicadas á horticultura, como a situación irregular e a inexistencia de axudas e a falta de solucións por parte da Administración galega aos ataques de animais que sofren. Un grave problema son os danos que leva ocasionando o xabaril desde o último ano, feito precisamente que lles fixo descubrir aos produtores a inexistencia de regulación do seu sector e os atrancos burocráticos.

En canto ao primeiro, o sector da horta non ten licencia de actividade. "Da Consellería dinnos 'ruralízate' pero cando chegamos ao rural temos un grave problema porque nos pechan explotacións se nos denuncian", comenta Álex García.

En segundo lugar, denunciamos na xornada a inexistencia de subvencións para os profesionais da horticultura, cando si poden acceder a elas o sector gandeiro ou o autoconsumo. Álex García, responsable de produción en Agrodayca SC, comentou os problemas de acceso ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia. "Nin eles mesmos saben cal é a nosa situación", fixo fincapé García. David López, xerente de Agrodayca SC, denuncia a falta de solucións por parte da Administración galega cando comentan a súa situación. "Dinnos que nos teñen abandonados", comenta López. "Para a Administración somos invisibles", engade Álex García, de aí o título que dá nome á xornada.

O sector da agricultura e horticultura precisa organizarse e loitar polos seus dereitos para facer unión e forza tal e como fai o sector da gandería. Tamén precisa de gobernos que acheguen solucións. Tal e como quedou reflectido ao longa da xornada, a Administración do goberno do PP non escoita as problemáticas dos produtores locais, impedindo o correcto desenvolvemento das súa actividade.

Apoio á horticultura profesional

O BNG de Arteixo escoitou aos grupos de interese afectados durante os últimos meses e decidiu darlles visibilidade coa organización desta mesa redonda ao redor do sector da horticultura. O sector está desatendido pola Administración e é preciso regulalo, facéndoo de forma correcta, para que siga xerando riqueza e postos de traballo no noso rural e na comarca.

O BNG apoia ás empresas e traballadoras e traballadores do campo e atende as súas suxestións para promover políticas que potencien o sector en Arteixo e na comarca como forma de dinamizar o tecido empresarial no rural do noso municipio.

O BNG de Arteixo aposta por regular o sector da horticultura para xerar riqueza no municipio