Arteixo instará á Xunta a negociar a transferencia das competencias do dominio público marítimo-costeiro
BO pleno aprobou tamén a moción do BNG para materializar o convenio do Concello coa Fundación Rosalía de Castro.
O BNG logrou, no pleno ordinario de agosto celebrado este 27 de agosto, o voto a favor de pedir as competencias para que se transfiran desde o goberno central a respecto do dominio público marítimo terrestre. O PP presentou unha moción para instar ao goberno a deixar sen efecto a modificación na lei na que está a traballar, que non estuda a idiosincrasia galega. O BNG afirmou que isto pasa por non ter competencias e logra que se incorpore á moción un punto a maiores nos acordos que di “Instamos á Xunta de Galicia a que se negocien a transferencia das competencias referidas ao dominio público marítimo-costeiro para nós decidir sobre as nosas costas e que se inicien as negociacións co sector afectado”.
No pleno de agosto aprobouse por unanimidade a moción do BNG de Arteixo para iniciar un convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. O obxectivo é poñer en valor a figura de Rosalía e de Manuel Murguía, veciño de Arteixo.
Con respecto a outros puntos da orde do día, o PP votou en contra da solicitude dunha nova convocatoria da comisión de seguimento da COVID-19. O BNG considera que se debe a que o PP non quere ofrecer información precisa da situación e convocará a comisión cando precise as ideas ofrecidas polos nacionalistas.
O BNG votou a favor da moción do PSOE para a exención no cobro da taxa de recollida de residuos sólidos urbanos aos negocios que tiveron que pechar durante o estado de alarma.
Rogos e preguntas
O BNG preguntou polo proxecto de traslado da fonte do Abade en Oseiro. O goberno respondeu que se procederá en breve co traslado porque se asinará o contrato para realizar o traballo.
Con respecto ao rogo do BNG de revisar as liñas do servizo de bus ás praias, o goberno tomará en consideración Oseiro e SolyMar. O PP argumentou que é unha experiencia piloto que analizarán para mellorar o servizo.
O BNG preguntou polo arranxo do saneamento das Eiras en Meicende. A solución á que chegou o goberno é un sistema de bombeo, que se poñerá en práctica en setembro.
Finalmente, á pregunta da baixa calidade da auga, o goberno do PP argumenta que é algo temporal, debido probablemente a un movemento de terras. No referente ao apremio dos recibos da auga, o goberno non indicou a cantidade á que ascende o importe total do recargo. O goberno comentou que era unha porcentaxe mínima dun 3%. Desde o BNG mantemos as nosas dúbidas e presentaremos preguntas no rexistro sobre este tema.