A Área Metropolitana da Coruña e o autoconsumo eléctrico a pleno
O BNG de Arteixo presentará dúas mocións para a aprobación no pleno de xullo.
O BNG leva dúas mocións para a súa aprobación no vindeiro pleno ordinario de xullo de Arteixo, que se celebrará o xoves 29 de xullo.
En primeiro lugar, o BNG presenta unha moción sobre a constitución da área metropolitana da Coruña. Galiza precisa dunha nova distribución territorial estruturada en concellos agrupados por comarcas, eliminando a división territorial desfasada das provincias. No caso de Arteixo resulta evidente a súa inclusión na Área Metropolitana da Coruña. Independentemente da súa existencia institucional, é unha realidade que todos os municipios da área conviven xuntos e a xente divide vivenda, traballo, mobilidade e ocio entre todos eles. Ademais, moitos dos servizos que realizan os concellos poden ser levados a cabo conxuntamente, aumentando a súa eficacia e diminuíndo o seu custo.
O BNG de Arteixo propón ao Pleno da Corporación municipal instar a Xunta de Galicia a que redacte e leve ao Parlamento, no prazo de tempo o máis breve posible, unha Lei Constitutiva da Área Metropolitana da Coruña, na que estea incluído o Concello de Arteixo.
En segundo lugar, o BNG presenta unha moción sobre a promoción do autoconsumo eléctrico. No anterior pleno municipal, aprobouse a moción do BNG sobre a Nova Tarifa Eléctrica na que, entre outros aspectos, se expresaba o rexeitamento a unha política enerxética que implica un incremento da factura eléctrica dos consumidores. O BNG considera que unha posible ferramenta da que pode dispoñer a veciñanza e as empresas para paliar esta suba abusiva é o autoconsumo baseado en enerxías renovables.
A moción do BNG solicita redactar e levar a pleno un Plan Municipal de Fomento do Autoconsumo Fotovoltaico. O plan debe constar dos seguintes apartados:
a) Implementación de sistemas de autoconsumo fotovoltaico en todas as instalacións municipais, nas que sexa tecnicamente viable, de tal xeito que, a parte da súa función, sirvan como exemplo da súa finalidade para toda a veciñanza.
b) Establecemento de bonificacións fiscais nos impostos municipais relacionados coa súa instalación e funcionamento particular (IBI, ICIO, IAE), así como a simplificación dos trámites administrativos para a súa implantación.
c) Aprobación de subvencións destinadas a promover instalacións adicadas á explotación de enerxías renovables e outras actuacións enfocadas ao aforro e a eficiencia enerxética.
d) Deseño dunha política informativa sobre esta materia e a súa promoción entre a veciñanza e tecido económico do Concello de Arteixo.
Ademais, a moción propón solicitar á Xunta a modificación dos trámites para a conexión das instalacións de autoconsumo á rede eléctrica, co obxectivo de que estes sexan o máis áxiles e sinxelos posibles.