Aprobados os convenios para facilitar o acceso a Sabón e a implantación de Hijos de Rivera en Arteixo
O BNG votou a favor dos dous convenios e levou unha moción sobre o 8M.
O grupo municipal do BNG en Arteixo votou a favor das mocións presentadas no pleno ordinario celebrado o 27 de febreiro de 2020. Os asuntos máis importantes foron a ampliación da capacidade da Avenida da Deputación no Polígono de Sabón e o convenio que facilita a implantación no polígono de Morás da empresa Hijos de Rivera.
En canto a duplicar os carrís de acceso ao polígono de Sabón, o BNG de Arteixo votou a favor desta infraestrutura, na que a Xunta se compromete a asumir o 100% do custo de execución. Non obstante, nós interesámonos polo custo que terá para o Concello a expropiación dos terreos necesarios para a dita ampliación. O alcalde, Carlos Calvelo, respondeu que falara xa coa mayoría dos propietarios e cederían o preciso. Pero tamén advertiu que hai un “pequeno problema” con dúas parcelas vendidas pola Deputación.
No referente ao convenio entre o Concello de Arteixo, Xestur e Hijos de Rivera relativo á implantación da actividade industrial desta última prevista no polígono de Morás, tamén votamos a favor ao considerarmos que é moi importante que a empresa galega se instale en Arteixo. Desde o BNG entendemos que implica un custo importante e obrigado en materia de subministros, saneamentos e obras pero comprobamos que o convenio fixa unha indemnización por parte da empresa que consideramos suficientemente compensatoria.
Moción sobre o 8 de marzo
O BNG de Arteixo presentou unha moción no pleno de febreiro para apoiar institucionalmente o feminismo galego e recoller os debates que este coloca na axenda social así como comprometerse en corrixir as desigualdades entre homes e mulleres en Galiza. Podes ler máis sobre o debate que xerou o 8 M no pleno de febreiro nesta outra noticia.
Prórroga da concesión da Escola Infantil Municipal de Arteixo
A Escola Infantil Municipal de Arteixo mantén unha concesión coa empresa Fesan que remata o vindeiro 31 de agosto. Desde o BNG denunciamos que a situación salarial dos traballadores e traballadoras é preocupante. En caso de non prorrogar, senón renovar a concesión, aplicaríanse táboas salariais máis xustas. Desde o BNG preguntamos ao goberno local se o vai acollerse á prórroga coa empresa e /ou atopar solución á situación irregular. O goberno respondeu que se acollerá á primeira prórroga dun ano pois están limitados no tempo (aínda que desde o BNG pensamos que si teñen) pero que renunciarán á segunda prórroga. Polo tanto, de momento, o goberno de Calvelo decidiu prolongar un ano máis a irregularidade e discriminación salarial.
Outras cuestións do pleno de febreiro
No pleno ordinario de febreiro, votamos a favor da moción do PSOE para garantir a igualdade de trato entre as parellas de feito e casadas no acceso á pensión de viuvez. Tamén votamos a favor do concelleiro non adscrito relativa á construción dun cemiterio municipal civil. Neste caso, subliñamos que é unha das accións que levou o BNG de Arteixo no programa electoral das pasadas eleccións municipais.
Finalmente, votamos a favor da moción levado polo PSOE sobre o plan marco da Xunta de Galiza para a mellora de camiños rurais. Non obstante, a petición de non recortar o plan para o período 2020-2021 chega tarde, pois xa saíu o Decreto. Efectivamente, indicamos que as cantidades son cada vez menores e ridículas. A Xunta argumenta que se debe á redución da achega europea, polo que desde o BNG entendemos necesario que se aumenten os fondos propios para apostar polo rural galego.