Aprobadas en pleno as mocións do BNG sobre a nova tarifa eléctrica e o castro de Punta Langosteira
Os nacionalistas tamén preguntaron polas obras do muro de Santaia e o aparcamento de camións no Rañal.
Este martes 29 de xuño tivo lugar o pleno ordinario de xuño de Arteixo, no que quedaron aprobadas as dúas mocións que presentou o BNG de Arteixo co obxectivo de beneficiar á veciñanza.
En primeiro lugar, a moción sobre a nova tarifa eléctrica pide rexeitar a política enerxética do goberno do Estado, que contribúe ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante dos consumidores domésticos e dos sectores vulnerábeis. Tamén pide reducir os impostos que gravan o consumo da enerxía eléctrica e a redución do IVE ao 4% así como beneficiar aos territorios de produción eléctrica, compensando o forte impacto ambiental e social.
En segundo lugar, unha moción para poñer en valor do castro de Punta de Muros (Punta Langosteira), esixindo ao Ministerio de Fomento a través da Autoridade Portuaria a construción do Centro de Interpretación que debería estar construído en 2012. Así mesmo, a moción solicita que a Xunta e o Concello traballen para solicitarlle ao Estado a entrega de materiais, tanto do castro como das tumbas de Rañobre.
Preguntas do BNG
Preocupado por achegar solucións aos problemas da veciñanza, o BNG de Arteixo preguntou pola construción do muro de Santaia e por que non se continuou coas obras estes días. Ante as respostas pouco convincentes do goberno do PP, o BNG solicitará por rexistro o expediente que consta no Concello e nos informes da Policía Local e Augas de Galicia.
Ademais, o BNG tamén volveu a levar a pleno a problemática do aparcamento de camións no Rañal. Aínda que o goberno conta con ter a finais de agosto dito espazo habilitado, desde o BNG considérase que o verán é unha época crítica, non só para veciñanza do lugar senón para as persoas que deciden ir á praia.
Finalmente, e relacionado coa época estival e coa falta de incentivos ao turismo en xeral deste goberno, o BNG insistiu que o Concello debe habilitar unhas instalacións para as autocaravanas, un tipo de turismo que leva anos medrando e supón unha fonte importante de riqueza.