Aprobadas en pleno as mocións do BNG sobre a mellora do sector comercial e a retirada das liñas de alta tensión en “Sol e mar”

Pleno setembro 2021
Pleno setembro 2021
O BNG abstívose na aprobación da nova forma de prestación do servizo de xestión do ciclo integral da auga.
Aprobadas en pleno as mocións do BNG sobre a mellora do sector comercial e a retirada das liñas de alta tensión en “Sol e mar”

A corporación municipal de Arteixo aprobou hoxe no pleno ordinario de setembro as dúas mocións presentadas polo BNG. A moción sobre a mellora da actividade comercial e hostaleira de Arteixo foi aprobada por unanimidade e a moción sobre a retirada das liñas de alta tensión de sol e mar foi aprobada coa única abstención do concelleiro independente.

Na moción sobre a mellora do sector comercial e hostaleiro do municipio, os nacionalistas piden continuar os contactos co CCA como representantes do ámbito local do comercio e a hostalaría para preparar distintos proxectos e estratexias de futuro, a creación dun programa de incentivo do consumo hostaleiro, comercial e turístico a través de bonos ás compras, así como adquirir o compromiso de que, agora e no futuro sempre que se adopten medidas que impliquen un cese ou redución de actividade comercial por calquera motivo, se habiliten medidas compensatorias para este sector e/ou se reclamen axudas complementarias á administración correspondente. Por último, proponse a elaboración de programas transversais con distintos sectores (comerciais, turístico, deportivos, culturais...) que impliquen efectos sinérxicos e que redunden na posta en valor da imaxe do concello.

En canto á moción sobre as liñas de tensión da urbanización de “Sol e Mar” en Oseiro, o BNG de Arteixo fixo unha relación de todas as actuación realizadas desde os anos 90, entre as que cómpre destacar as alegacións feitas cada ano aos orzamentos da Xunta reclamando un investimento para a retirada das torretas e os 5 millóns orzamentados pola Consellería de Industria en 2008 cando era de responsabilidade nacionalista. O acordo acadado foi o de instar á Xunta e a REE a formar unha mesa de traballo xunto co Concello de Arteixo co obxectivo de eliminar as torretas de alta tensión que atravesan a urbanización, buscando unha solución alternativa ao seu trazado.

Abstención na aprobación da prestación do servizo de xestión da auga

No pleno aprobouse, coa abstención do BNG, a nova forma de prestación do servizo de xestión do ciclo integral da auga mediante a creación dunha sociedade mercantil local, cun capital social de titularidade pública. O modelo territorial do BNG propón a división Xunta/Comarcas/Concellos (de feito, o BNG de Arteixo presentou unha moción sobre a área metropolitana) e o servizo da auga debera ser prestado pola área. Non se trata de que cada concello cree unha sociedade pública, senón que o sería unha sociedade conxunta ou servizo conxunto. En Arteixo este servizo é prestado actualmente pola propia entidade local, dentro do modelo de xestión directa que apoiamos completamente. Non funciona ben? Hai necesidade de crear unha sociedade coa contratación dun xestor non elixido por mérito e capacidade senón polo Presidente da Sociedade (o Alcalde)? Haberá nun futuro novas contratacións? É evidente o incremento do gasto do servizo con esta ou outras contratacións e as compensacións por asistencia a órganos de dirección.

Os nacionalistas estaban de acordo co modelo actual en tanto non chegase a solución ideal dentro da Área Metropolitana cun servizo compartido. O BNG abstívose polos motivos expostos, anunciando a presentación dunha moción no próximo pleno de rexeitamento do anteproxecto de lei de mellora da xestión do ciclo da auga presentado pola Xunta que só supón un incremento do recibo da auga. Porén, o BNG non votou en contra xa que é tamén unha modalidade de prestación directa mediante sociedade mercantil local de titularidade pública.

Outras preguntas do BNG

O BNG reclamou información sobre o estado do proceso de expropiación das parcelas do entorno do Castro de Pastoriza e sobre talas supostamente ilegais na zona. Ademais, volveu interesarse pola validez legal dos documentos asinados polos veciños e veciñas no proxecto de senda nas marxes do ría Ibia. Por último, os nacionalistas preguntaron se o goberno local xa tiña coñecemento detallado do novo proxecto de Acciona sobre as liñas de alta tensión que cruzarían a zona sur de Arteixo.

Aprobadas en pleno as mocións do BNG sobre a mellora do sector comercial e a retirada das liñas de alta tensión en “Sol e mar”