Aprobada en pleno, coa abstención do PP, a moción do BNG de Arteixo para axudar á hostalaría
O xoves 28 de xaneiro tivo lugar o pleno ordinario de xaneiro de Arteixo. O BNG de Arteixo presentou unha moción relativa ás axudas á hostalaría polo que se insta á Xunta a que estabeleza axudas inmediatas á hostalaría polo cese da actividade forzada por parte do propio goberno galego. Ademais, tamén se solicita a elaboración dunha liña de axudas complementaria a través da colaboración da Xunta, Concellos e Deputacións, nun fondo de medidas de impulso económico de axuda á hostalaría. A moción quedou aprobada en pleno coa abstención do PP.
Co voto a favor do BNG, no pleno de xaneiro tamén se aprobou o III Plan de Igualdade 2021-2024. Non obstante, os nacionalistas fixeron varias achegas construtivas. Por exemplo, é imprescindible que, para que o plan e medidas teñen efectividade, dotar de persoal público, como a necesidade de reforzo do CIM. Tamén é necesaria unha análise das cifras desde o 2004. O BNG apoiou o documento coa esperanza de que non caia no esquecemento e sexa un documento vivo que se adapte ás circunstancias e que busque a participación da veciñanza.
Neste pleno de xaneiro aprobouse por unanimidade unha moción institucional sobre o proxecto de liña de alta tensión desde o parque eólico de Monteagudo ata a subestación do polígono de Morás. A moción inclúe todos os puntos propostos polo BNG.
Tamén se aprobou co voto a favor de todos os grupos a participación no POS+2021, que inclúe unha nova condución de transporte de auga potable na Travesía de Arteixo así como mellora de accesibilidade en Vilarrodís e a senda peonil ao Igrexario de Larín. Así mesmo, quedou aprobada a participación no POS+ADICIONAL para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2021. Cómpre lembrar que as obras destes dous plans vanse facer con cartos da Deputación da Coruña.
Finalmente, o BNG de Arteixo votou en contra da moción do PP para instar ao goberno de España a poñer en marcha determinadas medidas para rebaixar o prezo da luz. O motivo é que o BNG entende que se trata dun intento de lavado de cara demagóxico, pois o propio PP xunto co PSOE, son responsables da situación actual, propoñendo unhas medidas laxas que non solucionarían o problema. O BNG ofreceu votar a favor no caso de incluír tres puntos: implantación dunha tarifa eléctrica galega, adopción dunha lexislación restritiva coa práctica das portas xiratorias, e modificar o artigo 91 da Lei do IVE para aplicar á enerxía o IVE reducido do 4%. Pero o PP rexeitou incluír o primeiro punto na súa moción polo que o voto do BNG non foi favorable.