Aprobada a moción do BNG para redactar un PXOM para Arteixo
A corporación comprometeuse por unanimidade a redacta e levar a cabo o plan xeral antes de finalizar 2021.
Este xoves 29 de abril tivo lugar o pleno ordinario de abril de Arteixo. O BNG de Arteixo presentou dúas mocións no pleno: unha sobre a necesidade de redactar un PXOM en Arteixo neste 2021 e outra sobre a execución da obra do enlace ferroviario a Punta Langosteira.
A moción sobre a necesidade do PXOM foi aprobada por unanimidade, comprometéndose o goberno a que antes de que acabe este ano 2021 estea adxudicado o contrato para a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal para o Concello de Arteixo. Desde o BNG levamos reclamando o plan desde hai anos, pois actualmente Arteixo réxese por unhas normas de 1995 e, obviamente, a poboación de Arteixo incrementouse de xeito moi significativo.
En canto á moción do enlace ferroviario a Punta Langosteira, trátase dunha forma do BNG para recordar sobre o tema e instar ao goberno do Estado a proceder de inmediato á licitación do proxecto. Neste mes de abril soubemos que o Ministerio incluirá esta obra nos fondos europeos Next Generation, cunha previsión de confirmación en xullo. En cambio, desde o BNG de Arteixo cremos que é unha falta máis de compromiso pois, cremos que non estaría adxudicado ata 2023, sen contar posibles prórrogas. Iso sen contar que, ao ser a conta de cartos europeos, irá en detrimento doutros proxectos.
O PP e PSOE municipal mostráronse en contra da moción, dicindo que a moción non tiña sentido debido a que xa hai acordo. Coma sempre, responden máis aos intereses dos partidos en Madrid ca os de Galiza.
Preguntas no pleno de abril
O BNG de Arteixo interesouse polo estado da urbanización de Montegolf, preguntando pola construción da senda peonil contemplada nos orzamentos de 2021 así como a situación da zona deportiva e o seu uso pola veciñanza.
Ademais, o BNG preguntou cando vai traer o goberno o inventario de bens municipal para a súa aprobación, se o Concello ten aberto un expediente de investigación ao respecto dun camiño que dá acceso á praia de Barrañán así como o número de procesos abertos sobre a titularidade de bens que poidan ser municipais ou non.
Outros temas
O BNG votou a favor da modificación da ordenanza fiscal que facilitará e abaratará a instalación de placas solares e invernadoiros. De feito, esta foi unha petición que xa fixo o BNG no pasado mandato.
Tamén votamos a favor do nomeamento “Paseo das Letras” do tramo do paseo fluvial que discorre entre a Avenida do Balneario e o paseo da igrexa que delimita as parroquias de Arteixo e Loureda.