Aprobada a moción do BNG para a elaboración dun novo plan eólico galego
O PP admitiu que non hai proxecto sobre a Senda da Ibia e que o procedemento de recollida de sinaturas non é legal.
O BNG de Arteixo presentou no pleno de agosto unha moción, que foi valorada positivamente e aprobada, sobre un modelo xusto, galego e sostible para a elaboración dun novo Plan Eólico que se vincula á creación de riqueza e emprego no noso país así como o desenvolvemento dos compoñentes na nosa terra. Así mesmo, aposta pola socialización dos beneficios obtidos, facilitando a participación pública, a transparencia cos concellos e a veciñanza así como instar ao goberno do Estado a que modifique o marco fiscal aplicable aos parques eólicos, actualizándoos cara aos aeroxeneradores para que se pague por enerxía xerada e non por aeroxenerador.
O BNG tamén presentou unha moción para a mellora da actividade comercial e hostaleira de Arteixo, pero o PP non votou a súa urxencia previamente polo que decaeu da orde do pleno. Os maiores prexudicados son os hostaleiros e comerciantes, posto que se trataba de propostas para dinamizar a economía. Pero semella que ao PP non lle conviña por vir do BNG.
O BNG tamén preguntou pola Senda da Ibia, tras pedir documentación por escrito o pasado 4 de agosto ao saber dunha recollida de sinaturas entre os veciños. Non existe proxecto para a dita senda e o procedemento non é o adecuado nin legal e as sinaturas son máis ben unha sondaxe. Non obstante, non son as persoas que o fixeron as que deben estar facendo este traballo para o Concello.
O BNG tamén preguntou sobre a falta de médicos e pediatras no verán, ao que o goberno contestou que xa íamos ter un cuarto médico-pediatra en Arteixo. Ademais, levamos un rogo para que se comunicase como estaba a situación sobre a solicitude do certificado de discapacidade que, nalgúns concellos, chega ata 2 anos de agarda. Nos Servizos Sociais de Arteixo estase a facilitar a solicitude e, segundo comentou a concelleira, son 4 meses de agarda polo certificado. En Arteixo son 178 persoas as que están nesta situación sen certificado.
O último rogo do BNG pretendía recordar a importancia de levar adiante a moción dos nacionalistas aprobada en xullo sobre as subvencións e axudas ao autoconsumo eléctrico fotovoltaico. O PP dixo que se retomaría nos próximos meses.